Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Agadic prepara 27 concertos en salas de Santiago ata decembro

A Rede Galega de Música ao Vivo promove preto de 200 recitais en 14 concellos, entre os que destaca Compostela // O obxetivo é levar os espectáculos musicais más aló das grandes urbes e promocionar o talento da terra

A Xunta leva dende o pasado mes de xuño promovendo un gran número de concertos dentro da Rede Galega de Música ao Vivo, un circuíto musical que albergará preto de 200 espectáculos e que pretende promover a cultura en 14 concellos galegos. Entre eles destaca Santiago que, dende hoxe, e ata o 19 de decembro, recollerá 27 recitais da máis distinta índole, que terán lugar en tres salas históricas da cidade: A Borriquita de Belén, A Casa das Crechas e o Moon Music Club.

A programación inclúe recitais de varias bandas que van do pop, ao blues, pasando polo jazz, o rock e o punk, todo co obxectivo de levar a música máis alá das grandes urbes. Para facelo contan cun orzamento de 170.000 euros, dos cales un 90 por cento é asumido pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), mentres que o 10 por cento restante corre a cargo dos locais implicados.

A Administración autonómica mantén así a súa aposta por este ciclo musical, despois da renovación levada a cabo o pasado ano, cando se optou por aumentar nun 105 por cento a inversión destinada á contratación dos grupos e solistas, ademáis de incluír unha serie de mudanzas que, consensuadas coas principais asociacións do sector, tentan reforzar os estándares de profesionalidade e calidade sonora das salas galegas de música en directo.

Por outra banda, os organizadores puxeron especial esforzo na súa intención de involucrar ao maior número posible de artistas galegos neste ciclo. Deste xeito procuran promover o talento da terra, mentres promocionan ás bandas locais e as poñen en contacto directo co seu público obxectivo.

De volta en Santiago, hoxe están programados dous recitais. O primeiro terá lugar na Casa das Crechas, ás 21.00 horas, momento no que está previsto que comece o concerto de Manuel Gutiérrez. En canto ao segundo, dará inicio apenas trinta minutos despois, na Borriquita de Belén, grazas á banda The Hendersons. Para a seguinte sesión haberá que agardar ata o próximo xoves, día 26 de setembro, cando está previsto que o artista Marcos Teira se presente na Casa das Crechas para ofrecer un dos seus espectáculos inesquecíbeis.

Cabe lembrar que o ciclo potenciado por Agadic inclúe algunhas das máis importantes salas de concertos galegas, entre as que destacan espazos máxicos como O Náutico do Grove, a Sala Super8 de Ferrol, a Sala Baranda do Barco de Valdeorras, ou La Pecera de Vigo. En total, os locais escollidos suman unha capacidade de máis de 3.000 persoas, que poderán gozar dos artistas máis prometedores do panorama galego actual, todo nun ambiente xovial, que pretende por en valor o talento das 199 formacións que participan no ciclo.

PROGRAMACIÓN

Casa das Crechas (21.00 h.) Hoxe terá lugar a actuación de Manuel Gutiérrez. O seguinte espectáculo que acollerá este espazo será o presentado por Marcos Teira, o próximo xoves 26 do presente mes. Xa en outubro, Clave de Fado porá o acento luso ao ciclo o día 10, cun concerto moi especial, antes de que Xacobe Martínez Antelo peche os recitais do mes sete días mais tarde. Haberá que agardar ata o día 14 de novembro para asistir ao show de Marés, antes de que Lulavai; Alejandro Vargas e Rosa Cedrón; e Aló Django e Handle with Swing pechen os concertos do ciclo nesta sala os días 12, 13 e 19 de decembro.

Borriquita de Belén (21.30 h.) A banda The Hendersons será a encargada de presidir hoxe a cita musical da 'Rede Galega de Música ao Vivo' na Borriquita de Belén. O próximo concerto será o de b.p.m, que ocuparán a sala o día 15 de outubro. Nove días despois, o 24, será Valentín Caamaño quen suba ao palco e Paul Álvarez Proyect pechará o mes cun recital o día 29. En novembro, será a quenda de David Lojo, Andhrea and the Black Cats e MU Pérez que teñen reservado o escenario do Borriquita de Belén os días 5, 12 e 14 respectivamente. Para decembro están previstas as actuacións de Puerta Sur, o día 3, Silvia Penide, o día 12, e Vatapá, que pechará o cartel desta sala apenas dous días máis tarde, o 14 de decembro.

Moon Music Club (22.00 h.) Os galegos Som do Galpom chegan a Compostela o día 11 de outubro. Unha semana máis tarde, o 18 do mesmo mes, será Dakidarría, unha das bandas galegas de maior relevancia na actualidade, a que recolla a testemuña. Novembro presentase interesante cun total de cinco recitais que non darán descanso aos fanáticos do rock. Spanish Castle Magic; Lesuit; The Hendersons, Anarchicks; e Greenwater son as bandas que farán sudar ao público durante as noites do 15, 22, 23, 29 e 30 deste mes. Rematan a lista, Igloo, o día 5 de decembro e Valentín Caamaño, o 13 deste mes.

18 sep 2019 / 22:32
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito