Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
EDITORIAL

O agasallo universal dun valedor de noso

Como nos contos tradicionais . Tres agasallos: un penedo, unha árbore -a bidueira- e un espazo público onde ficará o seu nome. A homenaxe O escritor na súa terra -que organiza a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG)- recoñecía onte en Vilalba a Agustín Fernández Paz, o escritor nado nesta vila luguesa ao que as letras galegas lle deben algunhas das novelas máis profusamente devoradas e reeditadas das últimas décadas. Os libros de Agustín Fernández Paz, que onte se declaraba "honrado" pola homenaxe dos seus compañeiros da escrita, son material da súa vida, extraídos palabra por palabra das súas propias emocións, pródigos en amor e en memoria, impecábeis na súa estrutura, tamén na súa verdade. Esa singular sinxeleza -que aniña tamén no seu carácter fondamente humano- volveu erguerse onte nun tributo no que o autor evocou o "agasallo maior" do idioma, a lingua de Galicia, da que el fai defensa, fortaleza, agasallo universal. Como en San Simón -no fermoso discurso que leu na entrega dos Xerais- Fernández Paz falou co acerto e a lucidez que lles está reservado a uns poucos, aos mellores.

21 jun 2009 / 00:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito