Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

AGE defende nas Pontes a creación dunha empresa pública galega de enerxía

Na rolda de prensa participaron Beiras, número un pola provincia de A Coruña e líder de Anova, e Yolanda Díaz, número dous e coordinadora de Esquerda Unida

    Alternativa Galega de Esquerda, a coalición formada por Esquerda Unida e Anova, defendeu nas Pontes (A Coruña) a creación dunha empresa pública galega de enerxía e a implantación de formas alternativas de xeración eléctrica.

    Na rolda de prensa celebrada en As Pontes participaron Xosé Manuel Beiras, número un pola provincia de A Coruña e líder de Anova, e Yolanda Díaz, número dous e coordinadora de Esquerda Unida.

    A coalición apostou pola transformación progresiva do sector eléctrico, cara ás enerxías renovables, mediante un mix de eólica, hidráulica, soar e maremotriz, que se canalizarían a través da creación dunha Empresa Galega de Enerxías Renovables, encargada de xerar enerxía abonda para autoabastecer os servizos administrativos, e que promovese a eficiencia enerxética e a autoprodución en empresas e fogares.

    A coalición sostén que a creación así dunha empresa pública de enerxía suporía a dinamización do sector galego das enerxías renovables e convertería a comunidade nun referente mundial, e permitiría a reactivación da economía e a xeración de emprego, e situaría a Galicia nunha posición de vantaxe competitiva ante o cénit do petróleo.

    Yolanda Díaz destacou que a privatización de sectores estratéxicos e a externalización da xestión dos servizos públicos está a provocar a precarización do tecido económico galego e que non se traduce en ningún aforro, senón en saída de capitais e aumento dos custos para os cidadáns, coa consecuente redución de empregos.

    Así, Díaz avogou pola creación da empresa pública galega de enerxía, así como unha banca pública, e o acceso a unha renda básica para os galegos.

    Pola súa banda, Xosé Manuel Beiras defendeu a reformulación do sistema enerxético galego "como un sector estratéxico que tería que estar en mans públicas. "Que o vento que é noso sexa noso de verdade", afirmou, en referencia aos beneficios xerados pola explotación dos recursos naturais.

    "NOVO CICLO"

    Para Beiras, o programa de Alternativa Galega permitirá comezar un novo ciclo político e "apartar os delincuentes e estafadores que están no poder".

    Durante a tarde, tanto Beiras como Yolanda Díaz mantiveron unha reunión no Concello de Ferrol cos delegados sindicais de Navantia e traballadores do naval que manteñen un encerro dende hai un mes para reclamar solucións que garantan o futuro do sector.

    10 oct 2012 / 23:51
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito