Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O alcalde de Ames felicita a dúas docentes que acadaron o Premio Francisco Giner de los Ríos

Ángeles e Isabel Abelleira Bardanca recibirán o mércores este galardón á mellora da calidade educativa, que outorga o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

    O alcalde de Ames, Santiago Amor, vén de recibir ás mestras amienses Ángeles e Isabel Abelleira Bardanca para trasladarlle as felicitacións do Concello pola consecución do premio 'Francisco Giner de los Ríos'. Este galardón á mellora da calidade educativa, que outorga o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, seralles entregado o mércores nun acto que se celebrará en Madrid. Na recepción que fixo o Concello ás dúas mestras tamén participaron o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e a concelleira de Atención e Mediación Parroquial, Carmen Verde.

    O rexedor amiense felicitou ás dúas mestras "pola consecución deste importante galardón e por ser o único proxecto galego premiado". O alcalde e os concelleiros puideron coñecer de preto o traballo de Ángeles e Isabel Abelleira Bardanca, que lles explicaron o proxecto InnovArte Educación Infantil, polo que foron premiadas. Santiago Amor animounas a "seguir traballando e a seguir levando nos vosos proxectos o nome de Ames", desexando, ademais, "que vos cheguen moitos recoñecementos máis".

    Ángeles e Isabel Abelleira Bardanca recibirán o premio 'Francisco Giner de los Ríos' polo seu proxecto InnovArte Educación Infantil, un blog que está concibido como un espazo de reflexión e recursos dirixido a todo o profesorado de Educación Infantil. Trátase dun blog profesional con vertente formativa que recolle as reflexións e a experiencia educativa de dúas mestras, que deciden compartilas a través da web. A información que contén está relacionada coa educación infantil, apuntando preferentemente ao segundo ciclo, aínda que ás veces, tamén se dirixe ao primeiro, concibindo a etapa como un contínuum.

    O blog InnovArte naceu en xaneiro de 2010 e na actualidade recolle 790 entradas e recibe unha media diaria de 1.500 visitas desde Galicia ou o resto de España, Italia, Portugal, Arxentina, Chile, Uruguay, Colombia, México, Perú, Venezuela, Guatemala, e outros países iberoamericanos, xa que se atopa en formato bilingüe, galego e español.

    Este premio, único para a etapa de segundo ciclo de Educación Infantil, está dotado con 15.000 euros e está encadrado dentro da modalidade de traballos ou experiencias pedagóxicas de profesor ou equipo de profesores.

    Premios e experiencia

    Ángeles Abelleira Bardanca é mestra de educación infantil desde o ano 1989 e na actualidade desempeña a función docente na EEI Milladoiro, colabora en diferentes proxectos editoriais e de innovación relacionados coa educación infantil ou coa didáctica nesta etapa, sendo tamén, membro do Instituto Latinoamericano de Estudios sobre la Infancia. Ademais, conta con tres Premios á Innovación Educativa e cun Premio Mestre Mateo no ano 2011 á mellor obra interactiva, así como colaboracións en medios de comunicación e en grupos de traballo e comisións.

    Pola súa banda, Isabel Abelleira Bardanca é mestra de educación infantil desde o ano 1995 e na actualidade desempeña a función docente no CEIP A Maía de Bertamiráns, onde coordina o 2º ciclo de educación infantil e é integrante de diversos órganos de participación docente: Comisión de Coordinación Pedagóxica, Departamento de Orientación e membro do Consello Escolar municipal. No seu curriculum, conta con dous Premios á Innovación Educativa, así como numerosas publicacións e participacións en grupos de traballo e comisións.

    08 abr 2013 / 18:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito