Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O ALCALDE INAUGURA NO AUDITORIO A MOSTRA FOTOGRÁFICA “SENSACIÓNS: A VIDA E A MORTE”

Bello Maneiro amosouse “encantado” de que a sala de exposicións municipal siga acollendo a novos artistas e permita dar a coñecer os seus traballos // A mostra, da catoirense Rosa Suárez, reúne unha serie de fotografías tomadas na romería de Santa Marta de Ribarteme

    O alcalde, José María Bello Maneiro, inaugurou onte a mostra fotográfica “Sensacións: a vida e a morte”, de Rosa Suárez. O rexedor e a autora das imaxes estiveron tamén acompañados polas concelleiras Begoña Piñeiro e Malena Isorna.

    “Sensacións: a vida e a morte” pode verse na sala de exposicións do Auditorio Municipal durante todo o mes de febreiro e reúne unha serie de fotografías tomadas na Romería de Santa Marta de Ribarteme, considerada a romería máis antiga de Galicia e que se celebra no concello de As Neves. A procesión de cadaleitos con persoas ofrecidas no seu interior e a poxa de animais son dúas das tradicións máis senlleiras desta festa e que aparecen recollidas na mostra, simbolizando a morte e a vida. A mensaxe que pretende transmitir a fotógrafa é que “debemos mirar a vida doutra forma. Fixarnos máis na xente que temos ao noso arredor, convivir máis con esas persoas e valorar as relacións, a amizade e a familia”.

    Rosa Suárez, veciña de Catoira, está relacionada familiarmente con Valga. Seu pai era natural de Balleas (Cordeiro) e conserva ainda familiares e achegados na localidade. A fotografía é unha afección á que Rosa adica cada vez máis tempo e esforzo. “Gústame dende hai tempo, pero nos últimos anos estou máis centrada nela e estou realizando varios cursos con mestres coma Fuco Reyes”, considerado un dos fotógrafos maís relevantes de Galicia e gañador de numerosos galardóns, entre eles varios Premios Lux.

    Esta é a primeira exposición que protagoniza Rosa Suárez e está adicada a seu pai, xa falecido. De feito, a temática da mostra está relacionada co pasamento do seu proxenitor e con outras experiencias vencelladas á morte que viviu a propia Rosa: “Persoalmente tocáronme vivir unha serie de circunstancias que me afectaron, co falecemento de seres queridos e xente próxima”.

    Durante a inauguración o alcalde amosouse “encantado” de que a sala de exposicións do Auditorio siga acollendo a novos artistas e permita dar a coñecer os seus traballos.

    12 feb 2020 / 00:23
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito