Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{ tribuna libre }

Como en Alxeria

    Como en Alxeria, como en Cuba, como no Exipto de Nasser. Unha parte importante da mocidade galega máis concienciada de finais da década do cincuenta e comezos dos sesenta vía nos movementos revolucionarios destes países o horizonte de esperanza liberadora para sacudir o xugo da ditadura franquista que atenazaba o noso pobo. Reflícteo Xosé Ramón Pena na novela Como en Alxeria que Xerais acaba de sacar dos seus prelos. En efecto. X. R. Pena, partindo da historia de Galicia e do galeguismo nesas datas, mergulla o lector no que puido ser a outra crónica da teoría e da praxe do galeguismo. Baseándose en acontecementos reais, X. R. Pena "inventa" no seu relato unha historia que forma parte do galeguismo. Unha historia que corre arredor dun grupo galeguista que non é o de Ramón Piñeiro nin Brais Pinto, aos que, xaora, se fai referencia en varias ocasións.

    Un grupo de mozos que viven entre Madrid e Galicia e no que imparte doutrina e estratexia un verdadeiro "director de conciencias" que, como Ramón Piñeiro, non disimula o seu aticomunismo e pretende crear pequenas células galeguistas por todo o país, xente que no futuro que virá despois da morte de Franco, erga entre os galegos a conciencia de pobo e artelle forzas galeguistas acordes cos modelos vixentes en Europa.

    Entre estas "lanzadeiras do futuro", o de Xosé Ánxel Viana, en cuxa vida entra con forza Paloma, unha actriz mexicana, que lles pide algo máis: un xesto, algo romántico que dea cumprida noticia da súa existencia para alén dos xuntoiros clandestinos. E como en Alxeria, aínda que provocados pola violencia gratuíta de Garda Civil, parte do grupo, entre a improvisación e a impericia, escolle unha acción que non só destapará inxenuidades, senón tamén traizóns.

    A novela reflicte de forma acaída varias formas de estar no galeguismo, cada unha con teito de seu. E a dialéctica entre un galeguismo puramente cultural e aqueloutro máis radical que nun momento histórico procurou a acción. O autor conxuga habilmente elementos históricos, tanto a nivel internacional como do noso país, con aquilo que debe de ser a cerna da acción de novelar: somerxer o lector nunha aventura na que non soamente acompaña a un grupo de mozos, que non se arrepinten de nada, a atopar o seu propio camiño, senón que con eles participa nunha escintilante carreira entre medos, perigos e traizóns para salvar as súas vidas.

    Crítico literario

    18 oct 2012 / 20:02
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito