Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 12 julio 2020
12:37
h
{tribuna libre }

Amores zoofílicos

    NON FALTAN pensadores que sosteñen que o bestialismo, as relacións sexuais con animais, foron na antigüidade unha práctica xeneralizada, anexada mesmo a rituais relixiosos. A meirande parte dos códigos –non todos porén– condenan as actividades zoosexuais. É moi coñecido o caso de Claudine de Culan sentenciada a ser aforcada e logo queimada en 1601 xunto co can co que supostamente tería copulado. A literatura que nunca é allea a canto acontece no terreo dos comportamentos humanos e nas súas derivacións, ten tematizado as relacións sexuais con animais. Unha mostra requintada é a peza narrativa Bear (1976) da escritora canadense Marian Engel que o editor Enrique Redel publicou nos pasados meses en Impedimenta. Oso, un libro estraño, contundente e ao mesmo tempo engaiolador, mereceu o honor de ser considerado como a novela más polémica que se teña escrito no Canadá. Unha peza narrativa que supera as tonalidades eróticas e penetra claramente nas prácticas zoosexuais. A protagonista da mesma, Lou, é enviada a unha illa no norte de Canadá para catalogar un legado que recibira o Instituto Histórico no que traballa. Na corte da mansión hai un vello oso ao que debe tratar coma un can.

    Mais a soidade do lugar provoca que paseniñamente Lou se achegue ao animal, e, co transcorrer dos días, vaia ganduxando co mesmo unha relación sensorial, afectiva e sexual. Amores prohibidos, bestialismo. No entanto, a protagonista furga en todos os recunchos da súa conciencia para comprobar se notaba algunha culpabilidade. Mais non, non recoñece ter roto as barreiras do tabú. Soamente se sente querida sen depender docilmente dos caprichos dun home. E así, grazas ás relacións co oso, atópase finalmente a si mesma e cómoda no mundo. A novela, malia os anos pasados, pode escandalizar. Porén, se algo debería provocar, son reflexións verbo dos lindes e sobre o porqué natural ou cultural do tabú das prácticas zoofílicas, tal como acontece, por exemplo, co incesto que, segundo Levi-Strauss, abre a pasaxe da natureza á cultura, e consonte cos pensadores do movemento de liberación animal, serían éticas sempre que o animal non sexa vítima da crueldade humana.

    Crítico literario

    14 nov 2015 / 00:00
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito