Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{ tribuna libre }

Os anos de prata

    Avanza a bo ritmo e sobre todo co rigor e a obxectividade das obras destinadas a marcar fronteiras e a perdurar como referencias fundamentais, a escrita e a edición da Historia da Literatura Galega, da autoría de Xosé Ramón Pena. Aos dous primeiros volumes (2013 e 2014), segue arestora este terceiro que Edicións Xerais vén de sacar dos seus prelos. Nesta ocasión, a achega deste magno proxecto autorial e editorial abrangue o estudo e a análise da literatura de noso desde 1916, data da fundacións das Irmandades da Fala, ata xullo de 1936, un momento no que os brutais maleficios de Guerra Civil e da represión fixeron enmudecer a escrita en galego, ao menos aquén das fronteiras galegas. Son os “anos de prata”, como escribe o autor verbo dos distintos xéneros: na lírica, na prosa e no teatro. Nun detallado e escrupuloso tratamento, Xosé Ramón Pena estuda e pon en letras de molde a etapa das Irmandades da Fala, contextualizándoa cos cambios sociais, nomeadamente as mobilizacións agrarias: a procura dunha estética nacional na poesía galega (Antonio Noriega Varela, Ramón Cabanillas, Fermín Bouza Brey); a irrupción das vangardas, a enxebre (Luís Amado Carballo) e a plena: Manuel Antonio, Álvaro Cunqueiro e Federico García Lorca ao que o autor, con bo tino, considera que é “o máis destacado poeta alófono na nosa lingua”. Son tamén anos prateados no xénero e subxéneros da prosa, coa presenza do “Grupo Nós”; o novecentismo de Vicente Risco; o relato simbólico-identitario de Ramón Otero Pedrayo; o relato neopopularista de Daniel R. Castelao e Rafael Dieste. Finalmente a análise da actividade escénica nos anos 20 e 30, con especial fincapé no labor dos coros.
    Subliño, máis unha vez, o xa anotado en relación cos anteriores volumes: a Historia da Literatura Galega de X. R. Pena transcende o formato e os contidos dun manual escolar-académico. O autor analiza os autores e as súas obras e engade algo tan necesario como esquecido: o estudo dos contextos sociais, políticos e económicos nos que viron luz esas obras. A análise das bases materiais e sociais, a reconstrución das ideoloxías que alentaron os distintos movementos sociais, políticos e estéticos, converte este terceiro volume nunha verdadeira historia social que permite entender o xurdimento de certos produtos literarios.

    Crítico literario

    29 nov 2016 / 19:38
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito