Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Antón Lopo, novo gañador do García Barros de novela coa obra ‘Obediencia’

Na acta, o xurado destaca “a imaxinación creadora e a habilidade para construir unha historia nese futuro hipotético, usando a linguaxe das matemáticas, do cinema de ciencia ficción e a intriga”

O xornalista, escritor e poeta Antón Lopo (Monforte, 1961) é o novo gañador do premio de novela Manuel García Barros, convocado polo Concello da Estrada. O xurado daba a coñecer onte o fallo na Estrada, elixindo entre máis de 30 exemplares a novela de Lopo: Obediencia, unha historia futurista, que traslada ao lector á Galicia do século XXII, unha historia que se torna verosímil.

Na acta, o xurado destaca “a imaxinación creadora e a habilidade para construir unha historia nese futuro hipotético, usando a linguaxe das matemáticas, do cinema de ciencia ficción e a intriga” dunha trama que se desenvolve frenéticamente con personaxes ben trazados. A entrega do galardón (dotado con 9.000 euros)  terá lugar na Estrada o vindeiro outono xunto coa presentación da novela que editará Galaxia.

Lopo, xornalista de Galicia Hoxe onde coordina a Revista das Letras, súmase así a lista do García Barros con este novo recoñecemento á sua faceta literaria. De vocación interdisicplinar, como poeta ten publicado Sucios e desexados, Manual de masoquistas, O libro dos amados ou Fálame, co que obtivo en 2003 o premio Esquío. En narrativa destacan obras como As Reliquias (Xerais, 1991), ou Ganga. En 2004 tamén conseguiu o Premio Álvaro Cunqueiro con Os homes só contan ata tres,

Tamén como e-book

O García Barros é hoxe un dos premios máis descatados no panorama da narratiga galega. Nesta vigésimo segunda edición do certame destaca como novidade a presentación da novela gañadora en formato dixital, tamén como e-book, en virtude do convenio asinado coa Editorial Galaxia.  O xurado desta edición estivo composto por Inmaculada Otero Varela, Manuel Santiago Fernández Álvarez, Xosé Manuel Eiré Val, Carlos González de Lema Malvar, e Valentín García.

15 jul 2010 / 17:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito