Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Antón Lopo súmase á lista do García Barros con 'Obediencia'

O escritor monfortino traslada o lector, con esta obra de aventuras e ciencia ficción, a unha Galicia futurista

Galicia. Século XXII. Compostela é unha cidade-estado independente e republicana, a capital, controladora e orweliana, dun territorio desértico e desolador onde a resistencia fai fronte á tiranía da capital. Neste contexto futurista desenvólvese Obediencia, a imaxinativa e cativadora creación de Antón Lopo, que acaba de gañar o premio Manuel García Barros de novela, que convoca o Concello da Estrada.

Con esta novela de aventuras e ciencia ficción o autor monfortino volve sorprender nun traballo marcadamente de xénero "e non excesivamente fácil", confesa emocionado logo de saber do recoñecemento. O mesmo que noutras novelas como Ganga ou O riso de Isobel Hill, Lopo tece un universo imaxinario con historias paralelas.

En Obediencia, na que o xurado destaca a súa habilidade para trasladar o lector a unha Galicia de futuro, usando a linguaxe das matemáticas ou do cinema, Lopo fala tamén de conceptos como igualdade ou liberdade. "A novela transmite a frustración de futuro. Nestes momentos en que as mentes máis reticulares e mesmo os fascismos se apropian da palabra liberdade, cómpre reformulala", di Lopo, para quen se está a perder a solidariedade como valor. "A liberdade non é só elixir entre Woolite e Norit. Contra ese dogma que nos envolve, esa manipulación idelóxica e de control insidioso, é necesario accionar", engade.

A historia de Elba Mácara unha matemática que foxe dun psiquiátrico e se ve envolta nun espectáculo de ilusión acompaña xunto con outros feitos a busca do número perdido, LEF, o que faltaba na sucesión natural desa Galicia futurista que constrúe con gran habilidade e na que non faltan referencias á obra de Ferrín ou Darío Xohán Cabana.

Antón Lopo, escritor, poeta e xornalista de Galicia Hoxe, onde coordina a Revista das Letras, suma así un novo recoñecemento na súa vocación interdisciplinar, logo de acadar premios como o Esquío de poesía, con Fálame ou o Cunqueiro de teatro con Os homes só contan ata tres (2004). En outono recibirá na Estrada, onde xa no ano 2001 recollía xunto a outros compañeiros de Galicia Hoxe o Reimóndez Portela de xornalismo, este novo galardón, dotado con 9.000 € e a publicación da obra en Galaxia, que a partir deste ano tamén editará a novela gañadora en formato dixital, como e-book.

O escritor monfortino completa nesta vixésimo segunda edición do certame a prestixiosa lista de autores do García Barros, Ken Keirades, un dos referentes na narrativa galega, que ata agora pechaba Xosé Monteagudo con Un tipo listo, obra que vai xa pola segunda edición. O xurado estivo composto por Inmaculada Otero, Manuel Santiago Fernández, Xosé Manuel Eiré, Carlos González de Lema e Valentín García.

15 jul 2010 / 21:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito