Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
audiovisual

Antonio Durán 'Morris' e Eduardo Blanco gañan o premio Chano Piñeiro

Os dous actores foron recoñecidos onte nun acto en Forcarei da Secretaría Xeral de Comunicación ·· Jorge Coscia e 'Tacholas', os galardóns honoríficos

A Secretaría Xeral de Comunicación deu a coñecer onte a tarde no concello pontevedrés de Forcarei os galardoados da terceira edición do Premio Institucional Chano Piñeiro, que este ano recaerá no galego Antonio Durán, Morris, e no arxentino de orixe galega Eduardo Blanco. Ademais, outorgaranse dous premios honoríficos a Jorge Coscia e Fernando Luis Iglesias Sánchez, Tacholas.

Tal e como avanzou o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, o xefe do Executivo galego, Emilio Pérez Touriño, presidirá a gala de entrega o próximo venres 19 no Teatro Principal de Ourense. En palabras de Salgado, este premio trata "de colaborar con outras iniciativas e abrir novos vieiros para que nos coñezan no exterior e darnos a coñecer".

Ademais, este ano os premios pretenden renderlle tributo novamente ao cineasta de Forcarei, no ano no que a súa curtametraxe de maior percorrido, Mamasunción, cumpre 25 anos. Así mesmo, tamén se pretende enxalzar a ponte de celuloide que hai anos uniu Galicia con Arxentina.

Un dos premios recae en Antonio Durán, Morris, actor vinculado ao audiovisual galego desde os primeiros anos oitenta e partícipe do nacemento da TVG a través de numerosos formatos, así como en curtas e longametraxes cinematográficas. O segundo dos premios deste ano é para o actor Eduardo Blanco, fillo de galegos e un dos máis recoñecidos do actual panorama dramático arxentino. Participou en numerosos filmes e teleseries de éxito.

Por outo lado, o Goberno galego decidiu outorgar dous premios honoríficos que recaeron en dúas persoas vinculadas estreitamente con Arxentina e tamén con Galicia. O primeiro deles é Fernando Luis Iglesias Sánchez, Tacholas, que entre os anos corenta e oitenta traballou en máis de cincuenta filmes ás ordes dos mellores directores do cine arxentino, ademais de protagonizar Os vellos non deben de namorarse por decisión do propio Castelao e traballar no filme Mariñeiros ás ordes de Xosé Suárez.

O segundo premio honorífico será para Jorge Coscia, director, presidente do Incaaa, guionista e escritor, ademais de profesor e xestor, que desde a súa responsabilidade á fronte do Instituto Nacional de Cinematografía y Artes Audiovisuales da Arxentina, promoveu a creación con Galicia do programa de coprodución cinematográfica Raíces.

25 anos de 'Mamasunción'

No acto, presentouse o libro Mamasunción no que se recolle a ficha técnica, o guión literario e o guión técnico da curta máis famosa do cineasta de Forcarei. Ademais, contouse cunha actuación musical a cargo de Marcos Meléndrez e Gastón Rodríguez.

Mamasuncion tense convertido na curtametraxe galega máis premiada e a que viaxou a máis festivais de todo o mundo. Foi rodada por Piñeiro en 1984 en 35mm. Conta a historia de Mamasunción, unha anciá que vive nunha remota aldea. Cada día acode á oficina de correos en espera dunha carta do fillo emigrado. Esta non chega nunca. Por fin, un día o carteiro entrégalle a carta agardada. Nela comunícaselle que o seu fillo morreu e que lle deixou unha cuantiosa herdanza.

Televisión de Galicia emite esta tarde o documental 'Astano, forxa dun soño'

Televisión de Galicia estrea hoxe sábado Astano, forxa dun soño, documental que narra a historia do estaleiro ferrolán e que será emitido ás 16:00 horas dentro do programa Galicia Documental. Producido por Zenit TV, Astano, forxa dun soño forma parte da triloxía A Industria Naval en Galicia, que continuará coa historia de Bazán e dos estaleiros de Vigo.

O documental que ten unha duración de 55 minutos, foi seleccionado na última edición do Festival de Cine Internacional de Ourense e a última edición de Cultur.gal e conta coa participación da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, Navantia e o Concello de Fene.

Dirixido por Miguel Conde, con guión e dirección de Xes Chapela e Carlos López Ríos e produción executiva de Zaza Ceballos, o documental conta a historia dun dos máis grandes proxectos industriais galegos: Astano.

13 dic 2008 / 01:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito