Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
paso atrás

Antonio Simón considérase vítima "doutros intereses"

O nomeamento do cineasta á fronte do CGAI vese xa como altamente improbábel ·· O escenógrafo nega irregularidades e advirte unha "cortina de fume"

    O nomeamento de Antonio Simón como director do Centro Galego de Artes da Imaxe, anunciado pola Xunta, tornouse altamente improbábel tras coñecerse que, ademais de ter unha débeda pendente coa administración autonómica, sobre a súa produtora pesa un embargo da Seguridade Social. Así o aseguraron onte tanto a Secretaría Xeral de Comunicación como o propio Simón, quen afirmou sentirse vítima "doutros intereses", que buscan ao cabo facerse co control político da filmoteca galega. Di ademais que foi el quen lle solicitou á presidencia da Xunta que paralice o seu nomeamento, para ter a posibilidade de "por as cousas en claro e demostrar que non cometín ningunha irregularidade".

    O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), que a Xunta pretendía converter en buque insignia do audiovisual galego, segue sen director despois do cesamento de José Luis Cabo hai quince días.

    Antonio Simón confirma as informacións publicadas nos últimos días que sinalan que ten pendente a devolución á Consellería de Cultura dunha subvención concedida no ano 99 a unha película que nunca se realizou. "Non existe ningunha ilegalidade. Intentei por todos os medios sacar adiante o proxecto pero non fun capaz, e o diñeiro está sen tocar a disposición da Xunta nunha entidade bancaria", asegura. Recorda que o prazo para devolver eses 72.000 euros vence o 31 de decembro do 2006, e que a semana pasada lle presentou a Cultura a solicitude para facer efectiva a devolución.

    Non negou tampouco Simón que a produtora Manivela, da que é administrador e único empregado, adebeda 445.926 euros a Caixanova, entidade que financiou o seu anterior proxecto cinematográfico, La novia de medianoche, e que un atraso nos pagos provocou unha orde de embargo. Non obstante preferiu non afondar neste asunto, se ben a dirección do CGAI é incompatible coa administración dunha empresa cuxo obxectivo é a produción, dirección e explotación de obras cinematográficas.

    Ante a "interesada" saída á luz destes asuntos, Simón entende que o seu nomeamento "entrou en fase de stand by e posiblemente non se producirá". Ao seu ver, tras a publicación das súas débedas están "outros intereses que tortuosamento botan fume e o dirixen a onde eles queiran".

    O DATO

    "Difícil" designación

    Fontes da Secretaría Xeral de Comunicación ven tamén "difícil" a designación de Simón. Hoxe mesmo está previsto que Salgado, nunha roda de prensa, faga pública a decisión sobre o asunto .

    10 may 2006 / 01:27
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito