Anuncian un polígono no documental sobre a economía de Oroso
Leiceaga loubou o paso dun sistema agrario a outro industrial // Participaron 200 persoas
Oroso xa ten o seu propio audiovisual sobre a industria e a actividade económica municipal. E presentouse por todo o alto no pavillón de Sigüeiro, nun acto con empresarios no que o alcalde, Manuel Mirás, divulgou un novo polígono e o economista e senador Xoaquín Fernández Leiceaga falou sobre Os retos da economía galega. Presentouno a xornalista Susana López Carbia, e a música foi de Rosa Cedrón.
Leiceaga subliñou que "Oroso fixo os deberes para pasar dunha economía de base agraria a unha situación na que a industria ten moito peso", eloxiando ademais "os pasos dados polo Concello para que as empresas queiran instalarse nos seus polígonos".
Mirás tamén anunciou que "pronto abriremos o terceiro polígono industrial; Oroso ten un forte potencial e unha gran demanda por parte de empresas interesadas en instalarse", afirmou. No documental, que terá continuidade, fíxose unha radiografía da capacidade económica orosá.