Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Escritora

Ánxela Loureiro: "Na ditadura, eu fun detida tres veces e agredida polos Guerrilleiros de Cristo Rey"

{ Ferrol, 1956 } Con 16 anos, Ánxela Loureiro viviu en primeira persoa o 10 de marzo de 1972. O seu pai xa estivera en prisión polas súas ideas e ela convertiuse nunha daquelas mulleres que loitaron pola democracia. Agora honra o recordo daquelas pioneiras no libro ‘Voces da Memoria. Con ollos de muller’.

As mulleres tamén forman parte da loita obreira de Ferrol, nos anos 60 e 70. Por que a súa historia estaba silenciada?

Partíamos dunha época onde a muller por lei non podía entrar a traballar como militar, nin detro de Bazán nin outros moitos sitios. Había unha transmisión de ideas a cargo da Sección Feminina e da Igrexa máis retrógrada, para que a muller estivese na casa. Esas ideas mergulláronse nas mentes. E parece que só podes contar a loita desde o punto de vista dos homes. Pero elas tamén participaron na loita obreira, aínda que non puidesen subir á grada. Moitas delas xa pertencían ao Movemento Democrático das Mulleres. Pero as reivindicacións eran pola liberdade en vez de pola igualdade en cuestión de xénero, porque se daba por suposto que todo iso lograríase coa democracia. Non foi así, e aínda pelexamos pola igualdade real.

Esta entrevista realízase no Cantón de Molíns. Que importancia tivo este espazo nos días 9 e 10 de marzo do 72?

O 9 de marzo, xa dentro de Bazán había reclamacións polas condicións de traballo e despedidos. Numerosas mulleres esperábamos fóra, nesta zona do Cantón. E nunha porta, que agora está tapiada, os operarios eran masacrados: alí agardaba a policía para golpealos. Nós saímos en manifestacións, entre os estaleiros e a zona do Sindicato Vertical (onde agora a xente pode pasear libremente). O 10 de marzo é o núcleo da loita obreira de Ferrol e deste libro. Pecharon as portas de Bazán, numerosos obreiros mobilizáronse co apoio das mulleres. Nas páxinas da historia só aparecíamos como acompañantes, e por iso decidín facer este libro.

Quenes son as protagonistas?

Sari Alabau, Fina Varela, Fina Piñón, Fina López, Angelita, Tere Mandiá, e tantas que deberían estar nos libros de historia. Entrevistei a 50 mulleres e a 8 homes. Aparecen as responsables da infraestrutura da propaganda antifranquista, Dolores Montero e Libertad Barcia; ou sindicalistas como a propia Dolores (que foi presidenta de presidentes no Sindicato Vertical) e Josefina Rey. Tamén había un importante movemento de estudantes. As alumnas do Sofía Casanova fomos as primeiras persoas en levar flores aos asasinados Amador Rey e Daniel Niebla, en 1975.

Vostede viviu en primeira persoa a dureza da ditadura.

Eu tiña 16 anos naquel 72. O meu pai estivera no cárcere en 1968 polas súas ideas, o meu irmán en comisaría. A policía viña a casa e sabíamos o que era o franquismo. Vin todos os feitos do 10 de marzo (detidos, feridos e dous mortos) e iso non se pode olvidar. Tamén nos últimos anos da ditadura, eu fun detida tres veces e mesmo agredida polos Guerrilleiros de Cristo Rey (durante unha folga pola amnistía). E por primeira vez en España logramos unha sentenza condenatoria contra eles. Por iso considero que é importante alertar contra a extrema dereita. Porque eu era amenazada de morte todos os días.

O seu libro tamén recupera antecedentes como as traballadoras da bacaladeira Pysbe.

Por aqueles feitos de 1967 (manifestacións contra os despidos nunha fábrica cun persoal case íntegramente feminino), houbo represaliadas e unha muller que acabou seis meses no cárcere. Moitas recadaron cartos para as familias en paro. Pero a investigación continúa despois do 72, con tanta xente no cárcere e despedida. As mulleres eran as que facían actividades, as que recadaban fondos, as que falaban coas autoridades e as que recollían as sinaturas.

Aquelas mulleres do 72 volven a percorrer as rúas co 8M. Queda moito por facer?

Penso que si. Como escritora defendo o uso dunha linguaxe inclusiva, que non se empregue só o masculino como xenérico, que as mulleres sexamos citadas para amosar que existimos. Tamén necesitamos un trato igualitario nas empresas. Hai menos discriminación que antes, pero aínda existe.

Como mestra, valorará moito a educación pola igualdade.

Pero a educación non só debe darse nos colexios (onde si se logra a aplicación deses valores), tamén nas propias casas e nos medios de comunicación. O feminismo e a igualdade benefician a toda a sociedade, e o machismo perxudica.

FORMACIÓN. Estudou Maxisterio en Santiago e A Coruña. Exerceu en diferentes centros educativos de Ferrol, ata xubilarse no Instituto Sofía Casanova.

AUTORA INFANTIL. Iniciouse como escritora de teatro infantil con ‘Ollo! Hai lurpios na horta’. O seu primeiro libro de narrativa foi Viaxe de ida e volta, e publicaría despois Laia a nena da illa, Camiño perigoso e Ota quere voar entre outros. A súa última creación en literatura infantil é Choiva de Ras (Edicións Xerais).

CINE E MÚSICA. Escribiu varios guións de cine dirixidos á infancia, compuxo cancións premiadas no mítico concurso Cantareliña (San Sadurniño) e tamén formou parte do grupo folk Saraibas. Tanto nos contos para nenos como nas investigacións, defende “os valores da igualdade, a liberdade e a solidariedade”.

"Despois de 1972, eran as mulleres as que recadaban fondos, as que falaban coas autoridades e as que recollían sinaturas"

"Sari Alabau, Fina Varela, Fina Piñón, Fina López, Angelita... deben aparecer nos libros de historia"

"O feminismo beneficia á sociedade, pero o machismo perxudica"

24 mar 2019 / 22:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito