Arnold Lobel, a poética do camiño como aprendizaxe
Arnold Lobel (Los Ángeles, 1933-Nova York, 1987), autor de obras tan coñecidas como a serie Frog and Toad (Sapo y Sepo, en castelán), tivo unha vida curta pero deixou tras el máis de cen publicacións das que ao redor de trinta corresponden a obras onde asume a autoría tanto do texto como das ilustracións. A obra da que falamos, Saltón no camiño, é unha delas: un evocador conxunto de seis relatos para nenos e adultos cun saltón como protagonista.
Esta obra foi editada este ano 2017 por Kalandraka na colección Tras os Montes, dedicada á recuperación de clásicos contemporáneos, e supón unha nova oportunidade xunto con Tío Elefante, Contos de ratiños, Sopa de rato ou O porquiño para continuar achegándose á produción narrativa deste autor americano desde a lingua galega, grazas ao traballo tradutolóxico de Xosé Manuel González.
Componse de seis relatos, O Club, Unha casa nova, A varredora, A viaxe, Sempre e Pola tarde, onde cada pequena historia individual é, ao mesmo tempo, a etapa dun mesmo camiño, o que percorre o protagonista. Cada etapa achega novos personaxes e situacións tenras e disparatadas que, desde unha ollada inxenua e amable, son capaces de animar reflexións profundas e favorecer cambios de perspectiva desde os que mirar o cotiá con outros ollos.
Lobel amosa unha gran capacidade para converter o cotiá en extraordinario. Texto e imaxe responden á mesma estratexia formal, sen ostentacións, en busca dunha estética moderada e próxima coa que favorecer a capacidade evocadora do conxunto. A linguaxe sinxela e accesible apóiase nun deseño coidado de ringleiras separadas e tipografías básicas que favorecen a lectura do lectorado novel. As ilustracións son delicadas, sen excesos nin na forma nin no tratamento. O cromatismo empregado nesta obra é característico de moitos dos traballos do autor nos que os tons verdosos, as cores castañas, tostadas e avermelladas en combinación cunha liña escura delicada para definir detalles e volumes reforzan a atmosfera melancólica e delicada do relato. Saltón no camiño reflicte a beleza do cotiá, converte o pequeno e mesmo o insignificante en poderoso material para reflexionar, aprender e crear estrañamento. Un camiño como aprendizaxe para nenos e maiores. olalla.cortizas@usc.es