Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Artistas de Ambar defenden a igualdade dende a danza

Oito usuarias do colectivo de persoas con discapacidade estrean hoxe na Pobra o espectáculo 'Elas' // A cita será no Teatro Elma

O Teatro Elma da Pobra do Caramiñal acollerá hoxe, a partir da unha da tarde, a presentación de Elas, u­nha escenificación na que, a través da danza, as artistas da asociación de persoas con diversidade funcional do Barbanza, Ambar, amosarán a súa visión sobre xénero e diversidade cunha mensaxe empoderadora focalizada na loita contra a violencia machista.

Este acto buscar visibilizar a través da expresión artística a problemática que afecta día a día a todas as mulleres, e darlle voz ás súas protagonistas.

O grupo de artes escénicas de dita entidade, que coordina Zeltia Iglesias, está formado por Iria Gómez, Montse Pouso, Montse Queiruga, Marina Mondelo, Olaya Pérez, Ángeles Devesa e Conchita Mouriña.

A maioría delas xa son veteranas na arte da performance. Unha das últimas pezas que representaron, titulada Com-unidade, trata sobre romper as fronteiras que nos separan para crear comunidade.

Unha vez rematada a posta en escea de hoxe no escenario do complexo cultural pobrense, abrirase un coloquio coas protagonistas, que estarán acompañadas de Clara Ferrao, coreógrafa e bailarina, activa no proxecto Corpo a terra e que dirixiu a peza. Contarán ós asistentes as súas vivencias e o proceso desempeñado para realizar unha obra desta calibre.

Posteriormente, terá lugar unha charla-coloquio, na que participará tamén unha representante da asociación feminista Mulleres en Acción, que fará un percorrido pola situación actual das desigualdades e violencias cara as mulleres, ademais de ensinarán ferramentas e medidas para poder abordalas.

Esta acción está promovida pola Axencia de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia a través do Asociación de Desenvolvemento Local Deloa.

No acto estarán presentes representantes políticos dos diferentes concellos das comarcas de Barbanza, Sar e Muros-Noia, así como Paca Gago (xerente de Deloa) e Milagros Rey (presidenta de Ambar).


INCLUSIÓN SOCIAL. Dito colectivo barbanzán (que actualmente está presidido por Milagros Rey) avanza así no seu compromiso coa comunidade de xerar proxectos que visibilizen, reivindiquen e avoguen polos dereitos de todas as persoas, loitando contra as desigualdades e favorecendo un diálogo a prol da inclusión social.

ESCULTURA

'Baixo o mesmo teito'.

En xuño, os usuarios de Ambar que participaron no obradoiro de artes plásticas (Ángel Sampedro, José Manuel Calo, Mª Eugenia Reiriz, Vanessa Rial, Montse Queiruga, Daniel Piñeiro, Yolanda Zurdo e Victoria Piñeiro) inauguraron na Praza Heroínas de Sálvora de Ribeira a instalación escultórica inclusiva Baixo o mesmo teito, que pudo verse todo ese mes.

08 nov 2019 / 22:03
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito