Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As cantigas de Codax xa teñen unha tradución ao xaponés

O profesor Takekazu Asaka presentou onte unha edición bilingüe do xograr medieval

As sete cantigas de amigo do xograr galego Martin Codax, que o bibliófilo Pedro Vindel atopou no ano 1914 no pergameo que lle serviu como forro á encadernación dunha copia manuscrita feita no século XIV do tratado De Officiis de Cicerón e que marcaron un fito por amosar por vez primeira a música da lírica profana medieval, xa se poden ler en xaponés, mercé á nova edición bilingüe galego-xaponés do lingüista Takekazu Asaka, un profesor de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku de Toquio considerado o embaixador do galego máis famoso do Xapón.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deu a coñecer o novo volume onte nun acto celebrado no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) no que participou tamén o autor e no que destacou que "se trata dun traballo que contribúe a reforzar a proxección exterior do galego, mais sobre todo a prestixiar a lingua galega da man dun dos tradutores máis recoñecidos e a fortalecer as pontes que comunican a cultura galega con outra tan diferente como pode ser a xaponesa".
Acompañáronos na presentación o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, autor do limiar que abre a obra; o académico da lingua e catedrático de Filoloxía Románica da USC Francisco Fernández Rei e mais o secretario do CRPIH, Armando Requeixo.

Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt

31 jul 2015 / 20:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito