Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

"As ensaladas e pizzas caseiras son os pratos máis valorados polos clientes"

Teñen un menú semanal e ofrecen tapas xenerosas// O restaurante El Cortés está en Sigüeiro

Foi en 1992 cando, despois de pasar varios anos vivindo en Inglaterra, José Manuel e Mª del Carmen deciden volver á súa terra e probar sorte mercando un local en Sigüeiro e converténdoo nun restaurante. Así foi como nacía hai 25 anos o restaurante El Cortés, ubicado concretamente na avenida de la Grabanxa, número 15, en Sigüeiro, no Concello de Oroso. Os seus fillos, Jorge e Carlos Cortés, decidían axudar no negocio familiar, xa que o volume de traballo era cada vez maior conforme a sona do local ía crecendo. O éxito de El Cortés foi o que lles fixo tomar a decisión de ir pouco a pouco ampliando o establecemento. Así, mercaron o baixo que tiñan ao seu carón e construiron outro comedor.

Actualmente, aínda que José Manuel e María del Carmen seguen moi pendentes do restaurante, son os seus fillos Jorge e Carlos os que están ao fronte. "Decidimos seguir no negocio familiar para ir axudándoos, porque había moito traballo", explicou Jorge. De feito, El Cortés conta con máis de 20 empregados para facer fronte a todo o volume de traballo. "Os sábados e domingos pola noite son os momentos con máis comensais", indicou Carlos, pero o certo é que o local tamén está ateigado de xente durante a semana, que se achega ata Sigüeiro atraída pola boa fama dos seus pratos. "Temos un menú semanal que imos variando cada día e que se compón dun primeiro e un segundo, a escoller entre varias opcións, bebida, postre e café". Ademais, todo a un prezo moi económico, 9 euros, e si é moita cantidade "sempre se pode optar por un medio menú de 7,25 euros", comenta Jorge.

Este menú vai mudando cada día e ofrecen sempre peixe e carne fresca de orixe local. Se teñen que escoller unha especialidade apostan polas ensaladas e as pizzas caseiras, "aínda que o raxo e as racións para compartir tamén teñen moito éxito", apuntan os irmáns. E é que, dende logo, El Cortés non só destaca pola calidade da súa comida, senón tamén por ofrecer pratos moi abundantes, e por iso unha ración chega dabondo para varios comensais.

Algo que tamén chama a atención da carta deste restaurante son os postres. Os máis larpeiros están no sitio ideal, pois a parte dunha variada selección de doces caseiros, tamén dan a escoller entre distintas copas de xeado.

E xa fóra da carta e o menú semanal, algo que destacan os clientes son as xenerosas tapas que ofrecen con cada consumición. "Intentamos ir cambiando a tapa; un día poñemos callos, outro albóndigas...". O mellor é que un pode achegarse a degustar as tapas ou algunha especialidade da carta calquera día da semana, pois "estamos abertos todos os días de sete da mañá ás doce da noite", sinalan.

A carta tampouco é cerrada, pois intentan adaptar os menús a cada época. "Agora, por exemplo, que é tempo de grelos, aproveitamos para ofrecer cocidos ou outros pratos nos que poidamos integrar este alimento", din. Tamén están abertos a mudar os pratos para adaptalos a persoas con intolerancias alimentarias. "Queremos ofrecer menús para todos os públicos e por iso cada vez estamos concienciándonos máis coas persoas con intolerancias", comentan. Con todo, recoñecen que "aínda temos que avanzar moito neste aspecto e adaptarnos". Aínda que o restaurante conta con dous grandes comedores, que poden albergar a unhas 80 persoas cada un, El cortés non está ideado para acoller grandes eventos. "Algunha vez fixemos bautizos con pouca xente, pero normalmente non pechamos o local para celebrar eventos", aseguran.

A parte da comida, que por suposto é fundamental nun restaurante, tamén en El Cortés se preocupan moito polo trato. "Intentamos sempre ofrecer un trato moi familiar e cercano, porque cremos que é fundamental que os clientes se atopen cómodos", sinalan os irmáns.

En definitiva, se algo distingue a El Cortés doutros restaurantes é o selo de calidade dos seus menús, compostos sempre con produtos frescos, locais e cociñados con esmero polas 12 persoas que traballan na cociña. Todo isto, sumado ao bo trato que ofrecen todos os traballadores, é o que fai que El Cortés conserve dende hai 25 anos a moitos clientes fieis que non cambian os seus pratos por ningún outro. O riguroso traballo dos seus donos orixinais, e hoxe o do seus fillos, é o que fixo crecer a este establecemento ata converterse nun referente na zona.

{ XENTE NOSA }

"Adaptamos o menú segundo a época. Agora, por exemplo, que é tempo de grelos, facemos cocido"

"Estamos abertos todos os días da semana dende as sete da mañá ás doce da noite"

28 abr 2018 / 21:19
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito