Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{crónicas invisibles}

As fotos máis antigas de Galicia

    O día 7 de setembro de 1858, ou sexa, hai 155 anos, a raíña Isabel II visitou Santiago de Compostela. Era Ano Santo e tamén se celebraba, promovida pola Real Sociedade Económica de Amigos del País de Santiago, a primeira Exposición Rexional Galega. O curioso daquela data, á parte de moitas outras consideracións históricas, é que, daquel ano, quedáronnos as fotos más antigas que hoxe se coñecen de Galicia. O autor é o artista local Andrés Cisneros e estes días moitas delas poden verse na Casa do Cabido de Praterías, nunha mostra sobre aquela Expo de 1858 que montou o Consorcio de Santiago.

    Seica Isabel II era moi afeccionada á nova arte da fotografía, tan "nova arte" era que non levaba inventada nin dúas décadas. Nos anos cincuenta do século XIX utilizáronse por vez primeira as chamadas cámaras de "placa húmida" que permitían realizar fotografías de calidade, e facer copias en pouco tempo, unha mellora substancial sobre os coñecidos como daguerrotipos. Aínda non se inventara o celuloide.

    Pois ben, Isabel II quixo ter un álbum de fotografías de lembranza da súa viaxe a Compostela, e foille encargado ao artista local Andrés Cisneros. Non hai fotos da raíña, pero si trece imaxes monumentais de Santiago e da Expo naquela data de 1858. Xunto con dúas imaxes de Ferrol daquel ano, tamén da viaxe de Isabel II, son hoxe, ata que se descubran outras, as fotografías máis antigas de Galicia.

    Eu tiven oportunidade de ver o álbum orixinal de Andrés Cisneros no Arquivo do Palacio Real de Madrid en 2008 mentres preparaba un libro e unha mostra sobre outro gran evento histórico, a Exposición Rexional de 1909. O feito de poder ver agora expostas e a gran tamaño estas imaxes de 1858, nunha mostra amena e didáctica como a que se inaugurou a semana pasada en Praterías, bríndanos unha oportunidade única para viaxar á Galicia máis antiga, a máis afastada desde o punto de vista da fotografía.

    Andrés Cisneros debe ser reivindicado como un dos grandes pioneiros da fotografía galega.Canda el, outros nomes como Enrique Louard da Coruña, Sellier e Prosperi en Vigo, ou Manuel Chicharro, tamén en Compostela, entre outros.

    correo@alvarellos.info

    22 abr 2013 / 21:06
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito