Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As Irmandades da Fala, a gran 'agra aberta' retratada e debullada nun libro de boa fe

Luis Cochón coordina unha serie de 30 achegas que se mergullan no pensamento, a política e a poética en Galicia nos anos 1914-1931 // Son trinta miradas diferentes arredor da historia do galeguismo e o nacionalismo, que relatan e interpretan o fenómeno do principio da modernidade en Galicia no século XX

Un coro de intelectuais que observan e que constrúen unha gran imaxe de imaxes. Un mosaico que, desde a súa esencia 'multielemento', mostra moitos feitos, intencións, ideas, experiencias e arelas inseridas e desprendidas dun particular fenómeno. Iso, ou algo parecido a iso, é o libro titulado 'Arredor das Irmandades da Fala. Pensamento, política e poética en Galicia (1914-1931)', editado por Xerais e coordinado por Luis Cochón. "Un libro de boa fe", como el mesmo di, non exhaustivo, pero que ve abondo a través de trinta miradas; atravesado por unha profunda ollada coral arredor da historia do galeguismo e o nacionalismo, que relata e interpreta o fenómeno do principio da modernidade en Galicia no século XX.

O limiar de Xosé Luis Méndez Ferrín fala dun libro que versa sobre "a agra aberta que foron as Irmandades ou Irmandades da Fala ou de Amigos da Fala que mesmamente evoluíron a Irmandade Nazonalista e a outras diferentes dimensións". Unha obra que seguramente pretende desentupir, clarexar e alumear, redescubrir rostros e figuras; que quere, a través dos pensamentos que manexa, achegar novos aires que rachen supostas aperencias e rescatar as Irmandadades dun, segundo describe Méndez Ferrín, "estado de momificación nocional" no discurso histórico "comunmente aceptado e oficializado".

Desentraña Ferrín un discurso en clave de relato interpretado que fala da Galicia de 1916, da mobilización agraria e do ideario das Irmandades: "Pensamos nós, e este libro apóianos globalmente, que as Irmandades foron sobre todo un tanque de coñecemento e de ideación nova que situou a noción de Galicia no lugar que esixía para ela o século XX. Isto é: un lugar chamado Nación".

Di Luis Cochón, o coordinador da obra, que se trata dun libro de boa fe, que non quere ser exhaustivo, pero escollido. Nin monográfico nin enciclopédico. Máis ben transversal. dinámico, intertextual, polirrizo, interdisciplinar. Ferrín vai máis alá cando di que o libro non é o que aparenta ser. "Esperaríase unha obra na cal os colaboradores oficiais das actuais cerimonias de eventos e conmemoracións, sempre organicamente ligados á actual e reaccionaria Xunta de Galicia, ofrecesen, morixerados, o resultado dos seus estudos sobre as Irmandades da Fala e as persoas que as integraron en ocasión do centenario da fundación daquel movemento. E todo iso ordenado por un editor ou coordinador habilitado polo réxime autonómico vixente. Non é ese o caso".

Preguntas e respostas, que diso se trata. Este libro, afirma Luis Cochón, "saía da convicción compartida entre diversos sobre o que facer no ano 2016 para celebrar as Irmandades da Fala no fasto centenarial. Do modo e maneira de compartir emporiso o nacionalismo galego..." Como foi a historia das Irmandades? Que foron? E que non foron, ó cabo? Aquí as respostas, ou moitas delas. En calquera caso, remacha Cochón, "os autores das diversas achegas que conforman este libro 'Arredor das Irmandades da Fala', fixeron, de seu, o que quixeron libremente facer".

Eles son, os autores dos textos, ademais dos xa citados Luis Cochón e Xosé Luis Méndez Ferrin, Carlos García Martínez (Sobre Nicolás Tenorio e La aldea gallega); Álvaro Cunqueiro ('El levantamiento gallego de 1846 y el nacimiento del galleguismo, por X. R. Barreiro Fernández'); José Antonio Durán ('Os irmandiños da fala na Galicia Sur -dos Anciles a Castelao-); Xosé R. Barreiro Fernández (O precedente inmediato das Irmandades da Fala. A revista Estudios Gallegos de Aurelio Ribalta); Luís Veiga do Campo (61 Mestres do galeguismo: Xohán Vicente Viqueira. Vida, personalidade, pensamento); Xurxo Martínez González (Recordo dos Villar Ponte: Antón e Ramón); Justo Beramendi (Risco, teórico do nacionalismo); Xosé González Martínez (Lois Peña Novo, o estratego do nacionalismo das Irmandades da Fala); Xosé Ramón Pena (Nós e as Irmandades); Antón Costa Rico (O ensino no tempo das Irmandades. A "escola galega" como proxecto; Francisco Díaz-Fierros Viqueira (Isidro Parga Pondal e a ciencia en galego); Justo Beramendi (As Irmandades da Fala en Compostela); Xosé L. Axeitos (A Irmandade Nacionalista Galega de Vigo e a loita pola simboloxía nacionalista: Manuel Antonio); Pepe Barro (As formas da patria. Castelao e Camilo Díaz na creación do universo simbólico das Irmandades da Fala); Isidoro Millán González-Pardo (Laudatio de don Manoel Gómez Román); Arturo Casas (Víctor Casas (1900-1936), a enerxía dunha causa viva); Clodio González Pérez (A prensa nacionalista en Galicia (1916-1931); Luís Alonso Girgado (A prensa nacionalista da Galicia alén mar na etapa das Irmandades, 1916-1931); Arturo Casas (Karl Mannheim e Mikhail Bakhtín como fundamentos renovadores da periodoloxía literaria: aplicacións á poesía galega dos anos 1916-1931); Emilio Xosé Ínsua (O Cabanillas irmandiño); Manuel Forcadela (A crise de 1916 e Ramón Cabanillas); Francisco Fernández Rei (Cabanillas, a contemplación dun mar con ribeiras, dornas e barcas, e Sálvora na boca da ría); Antón Santamarina (Ramón Cabanillas e a lingua); Miro Villar (Gonzalo López Abente, o "poeta do mar" das Irmandades da Fala); Armando Requeixo (Victoriano Taibo e as Irmandades da Fala); Darío Xohán Cabana (Cabanillas/Manuel Antonio. Notas sobre unha oposición dialéctica); Rafael Dieste (Maside e Colmeiro); Xosé Filgueira Valverde (A adicatoria: Os nenos).

16 nov 2016 / 21:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito