Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As novas instalacións do Xulgado de Paz de Valga entraran en funcionamento este verán

O Director Xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o alcalde visitaron as dependencias // Xunta e Concello asinaron un convenio para financiar a dotación de mobiliario e equipamento

O director Xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou esta mañá as novas dependencias do Xulgado de Paz de Valga, que proximamente entratarán en funcionamento na planta baixa do Edificio Administrativo. O representante da Xunta de Galicia foi recibido polo alcalde, José María Bello Maneiro, e acompañado polos concelleiros Carmen Gómez, Begoña Pérez e Pedro Calvo.

Visitaron as novas oficinas nas que desenvolverán as súas funcións a Xuíza de Paz e máis o secretario xudicial e tamén a sala de audiencias, na que se celebrarán as vistas, xuízos ou as vodas. As instalacións están xa equipadas e amobladas en virtude dun convenio de financiamento asinado entre o Concello e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que aportou 10.000 euros. “Como funcionario de Xustiza sinto envexa destas instalacións, parécenme estupendas”, afirmou Juan José Martín.

O alcalde anunciou que o novo Xulgado de Paz entrará en funcionamento este mesmo verán. Nas vindeiras semanas levarase a cabo o traslado dende o Concello ao Edificio Administrativo, unha tarefa que será supervisada por persoal da administración de Xustiza, explicou, dado que terán que manipularse documentación sensible que afecta á intimidade das persoas.

No edificio rehabilitado na Praza Manuel Vicente Cousiño de Pontevalga xa están actualmente en funcionamento a biblioteca municipal e os novos estudos de Radio Valga e tamén se trasladarán alí as oficinas da Policía Local. A reubicación destes e doutros servizos municipais permitirá desconxestionar as actuais oficinas do Concello en beneficio dos veciños e tamén dos traballadores.

O alcalde agradeceu a visita do Director Xeral e tamén a colaboración da Xunta de Galicia para que as obras do Edificio Administrativo poidan continuar. “Hai outros organismos como a Deputación, que non apostaron por este proxecto de restauración e nos negaron subvencións. Non é xusto e por iso o Concello decidiu presentar un contencioso administrativo en defensa dos intereses dos veciños de Valga. En cambio a Xunta si que respalda este proxecto e demóstrao coa concesión de axudas económicas, como os 10.000 euros para o equipamento do Xulgado ou os 28.000 para a próxima instalación dun ascensor”.

19 jul 2019 / 23:57
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito