Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As novas xeracións aprenden dos maiores a sega tradicional do trigo

A actividade de recuperación do patrimonio inmaterial, que se enmarca nos Encontros Interxeracionais, levouse a cabo esta mañá en Laxes // Trata de promover a convivencia entre veciños a través das lembranzas e experiencias dos máis veteranos

A representación da sega tradicional do trigo reuniu hoxe no lugar de Laxes (Cordeiro) a nenos e maiores de Valga que participaron nunha mañá de traballo e tamén de aprendizaxe.

Esta actividade de recuperación das tradicións agrarias e de conservación do patrimonio cultural local enmárcase dentro do XI Encontro Interxeracional que deu comezo no pasado mes de decembro coa sementeira e que continuará no outono coa malla do trigo. Trátase dunha iniciativa que promove a convivencia entre veciños a través das lembranzas e da experiencia dos maiores e nela colaboran os colectivos A Eira, Axentiva, Asdivalu e a asociación de mulleres rurais Albor.

Os nenos que participan na Escola de Verán municipal dividíronse en grupos para escoitar as explicacións dos máis veteranos relativas á sega, unha tarefa antano moi tradicional e que se realizaba de xeito completamente manual, sen axuda de maquinaria. Os maiores exerceron de mestres, tanto teóricos como prácticos, para os rapaces de entre 5 e 14 anos de idade. Algúns deles descoñecían como se levaba a cabo hai décadas este labor agrícola.

A sega antano non se limitaba únicamente a apañar o trigo e atalo en monllos, senón que a continuación e antes da malla aínda quedaba moito que facer. Había que “arraposalo” –deixar as espigas tapadas– ata o día seguinte, cando volvían co carro a recoller todo o cereal para poñelo a secar na eira. Colocábase ao sol para que se abrira o trigo e que o gran se desprendera con máis facilidade á hora de mallar. Xornadas despois chegaba o momento de botar man aos manles para a malla, que remataba coa confección do palleiro.

Estas intensas xornadas no campo non só significaban traballo, senón tamén confraternidade, colaboración entre veciños e a miúdo remataban cunha celebración. Así se fixo tamén hoxe xa que, depois do duro traballo a pleno sol, todos os participantes degustaron unha merenda tradicional con chourizo, queixo, sardiñas e empanada.

01 ago 2019 / 00:19
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito