As unidades mixtas de innovación xeraron xa 110 empregos cualificados
O modelo da Xunta apoiou xa 8 alianzas de empresas e centros de I+D que mobilizan 30 millóns
Acelerar a consecución de novos medicamentos contra a dor crónica, incrementar a vida útil das baterías que empregan os vehículos eléctricos, modernizar a produción acuícola do mexillón de batea ou desenvolver compoñentes de automóbiles que diminúan as emisións contaminantes. Estas son algunhas das misións das 8 primeiras unidades mixtas de innovación apoiadas pola Xunta de Galicia (ver columna xunto a estas liñas), o primeiro paso dun programa concebido para atraer investimento en investigación e desenvolvemento (I+D) en Galicia apoiando a cooperación entre empresas e universidades e centros tecnolóxicos. Poucos meses despois da súa posta en marcha, teñen cumprido xa outro dos propósitos desta aposta: xerar emprego altamente cualificado. Son algo máis de 110 postos de máxima cualificación, dende tecnólogos a doutores, unha cifra que a Axencia Galega de Innovación (GAIN) pretende aumentar ata os 250 coa segunda convocatoria de apoio á creación de unidades mixtas, que mantén aberto o prazo de presentación de propostas ata este luns.
"Hai unha necesidade clarísima de que parte do coñecemento que se xera se transfira ao mercado, e a mellor maneira de transferilo é desenvolvelo nas últimas etapas coas propias empresas. E nós o que facemos é poñer unhas condicións favorables para estas o fagan en Galicia", resume o director da GAIN, Manuel Varela. "Temos bastante esperanza de que a fórmula non só sirva para achegar os nosos centros de investigación ás empresas, senón tamén para que desenvolvan tecnoloxía que se poida producir, fabricar en Galicia e comercializar dende aquí", engade.
A fórmula é a seguinte: a Xunta achega o 30% do investimento de cada unidade mixta e a empresa, o 40%, que ten que ser polo menos 1 millón de euros para o centro de investigación, ben en forma de equipamento, ben en forma de contratación de persoal. O achegado ten que ser sempre a maiores do xa investido pola compañía en Galicia. O resto, ata completar o 100% do capital mobilizado, que debe ser polo menos 2 millóns de euros, correspóndelle á universidade ou centro tecnolóxico socio.
Na primeira convocatoria, cun investimento de 6,8 millóns de euros pola banda do Goberno galego, conseguirase mobilizar así 20,7 millóns de euros nos vindeiros 3 anos, o tempo mínimo de compromiso entre os socios da unidade mixta.
Na nova edición de 2015 a Consellería de Economía eleva a súa achega a 9 millóns, que implicarán mobilizar 30 millóns e crear, calcula, 150 empregos altamente cualificados máis. Estímase que poderían xerarse ata 10 novas unidades mixtas. Entre as empresas e centros de investigación que amosaron interese en optar a esta fórmula volven estar presente o sector farmacéutico, a automoción e mesmo o naval.
Se o centro chega a obter beneficio económico da investigación asociada á unidade mixta, a axuda compórtase como préstamo e debe devolvela. "Este é un cambio de filosofía importante. A Xunta reduce o risco do proxecto e se non ten éxito, cousa que pasa ás veces na investigación, a axuda funciona a fondo perdido. Pero se hai beneficio económico, devólvese para que nós reinvistamos", detalla Varela.
Santiago. A maioría das unidades mixtas postas en marcha veñen de conectar compañías afeitas a investir en investigación e desenvolvemento (I+D) con centros tecnolóxicos privados sen ánimo de lucro. Pero o mundo universitario é tamén referencia nesta fórmula. De feito, a primeira unidade mixta público-privada de investigación farmacéutica de Galicia e a segunda de España naceu na Universidade de Santiago de Compostela (USC) en 2011. Os seus socios, o grupo Biofarma, liderado pola catedrática Mabel Loza, e Laboratorios Esteve, afondan agora nesta relación co apoio da Xunta.
Nesta nova etapa "por primeira vez, iníciase en España un programa de codesenvolvemento [de medicamentos] entre o ámbito público e privado", subliñaba o pasado luns a propia Loza na presentación oficial da unidade mixta Esteve-USC.
O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati), consorcio público formado polas tres universidades galegas, ten tamén no seu ADN a transferencia da tecnoloxía matemática ao servizo do sector produtivo. Por iso non é estraña a súa presenza na primeira edición do programa de unidades mixtas da estratexia RIS3 Galicia (Estratexia de Investigación e Innovación propia para a Especialización Intelixente) da man da multinacional Repsol, que consolida a colaboración previa entre a compañía e o grupo de Enxeñaría Matemática do catedrático da USC Alfredo Bermúdez de Castro.
"No momento no que estamos, o investimento público en I+D+i é de vital importancia para que se poidan facer investigacións e desenvolvementos punteiros en determinadas áreas tecnolóxicas, como é o caso (...). E por suposto, é tamén fundamental que as empresas vexan o seu apoio a estas unidades como un investimento de futuro", apunta Peregrina Quintela, directora do instituto.
QUE FAN E QUEN SON?
Energylab+Gas Natural A súa unidade mixta céntrase no deseño de procesos en relación co uso do gas natural e biometano para a mobilidade de barcos e tractores. A Xunta concede 650.000 e a unidade mobiliza en total 2,2 millóns e 3 anos.Anfaco+Grupo Jealsa Modernizar a produción do mexillón ou a fábrica do futuro son dous retos compartidos na unidade, dotada con 2 millóns. O 50% achégano as empresas; o 30%, a Xunta; e o 20% Anfaco.
Itmati+Repsol O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial e a compañía queren optimizar o proceso de produción dunha planta de enerxía e o deseño de baterías de vehículos eléctricos. Mobilizarán 2,1 millóns, 0,42 investidos pola Xunta.
CTAG+ Borgwarner A multinaciona americana e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia apostan por compoñentes e sistemas na vangarda para que os vehículos contaminen menos. Mobilizarán 3 millóns, 1 deles achegado pola Xunta.
CTAG+PSA Peugot Citroën O CTAG tamén se alía cunha unidade mixta con Citroën na procura de vehículos autónomos e conectados. Hai 4 millóns de euros sobre a mesa. 1,5 facilítaos a Xunta.
Gradiant+Everis O Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia e a multinacional traballarán en compoñentes de software e modelos de xestión sociosanitaria. A unidade moverá 2,1 millóns, 0,65 da Xunta.
Aimen+Grupo Copo A sociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste únese a Copo para mellorar os produtos espumados de poliuretano para automoción. Moverán 2,5 millóns.
USC+Esteve A USC e o laboratorio avanzan na descuberta de fármacos contra a dor crónica. A unidade moverá en 3 anos 2,7 millóns, dos que a Xunta achega 0,8.
AS CIFRAS
50millóns mobilizados O programa de unidades mixtas contará entre 2014 e 2015 con 15,8 millóns de euros da Xunta. Xunto ao achegado polos socios, mobilizaranse 50 millóns de euros.
250
empregos Cada unidad mixta subvencionada debe funcionar polo menos nos vindeiros 3 anos. Espérase que en conxunto xeren uns 250 empregos de alta cualificación.