Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Audacia, o grande escaparate do talento emerxente galego, no Gaiás

Participan un milleiro de estudantes e docentes de ensinanzas artísticas neste primeiro festival de artes e emprendemento de Galicia, que concluirá hoxe

Audacia, o primeiro festival de artes e emprendemento de Galicia, organizado pola Xunta, congrega desde onte e ata hoxe no Museo Centro Gaiás arredor de mil estudantes e docentes de dezasete centros de ensino artístico de toda Galicia.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, achegouse onte ao certame, onde destacou que "o esencial deste evento, encadrado na programación do Xacobeo 21, é a súa aposta polo noso futuro creativo".

"Moi probablemente hoxe están aquí bastantes dos protagonistas dos premios Mestre Mateo, María Casares, Goya ou Max dos vindeiros anos", sinalou, referíndose aos numerosos alumnos e emprendedores de campos tan diversos como o audiovisual, as artes plásticas e escénicas, a fotografía, ou a moda que estes días participan en Audacia.

No encontro, teñen a oportunidade de coñecer e aprender da experiencia de grandes talentos da cultura como Oliver Laxe, Miguelanxo Prado, Janet Novás, Daniel Canogar, Carlos Sedes ou Uqui Permui, entre moitos outros.

O festival é polo tanto, en palabras do titular de Cultura, "unha moi boa oportunidade para xerar ideas, centrar proxectos e tecer relacións entre os protagonistas do noso presente e do noso futuro creativo".

O conselleiro destacou a aposta decidida do Goberno galego, con iniciativas coma esta, por "apoiar aos profesionais en activo, estimular o noso talento emerxente, e tamén ampliar a oferta cultural de Galicia en número e calidade".

Esta cita configúrase así como un espazo de intercambio no que descubrir ideas e procesos que poñen en valor a ousadía e o risco, ademais dun escaparate no que artistas, profesionais e emprendedores do eido cultural poden dar a coñecer o seu traballo e establecer relacións que consoliden a utilidade das artes como actividade económica.

Con entrada de balde e aberto a todo tipo de público interesado na arte e a creación, a programación inclúe charlas e formacións exprés, unha zona expositiva e showroom de empresas e emprendedores, así como espectáculos artísticos especialmente anovadores.

Entre a oferta teñen tamén unha presenza destacada os proxectos de O teu Xacobeo, o programa da Xunta de Galicia que está propiciando a posta en marcha de máis de 350 iniciativas de dinamización en toda a comunidade como antesala do Ano Santo.

Unha iniciativa que conta cun investimento total de 4,7 millóns de euros, e que ten como obxectivo o de favorecer a participación e a descentralización do vindeiro Xacobeo 21.

18 oct 2019 / 21:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito