Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Baixa fronte a outras linguas a produción editorial en galego

Por terceiro ano consecutivo creceu en España, alcanzando a cifra de 86.000 títulos, un 8,3 %

A produción editorial en lingua galega descendeu un 13,1 % o ano pasado, fronte ao incremento rexistrado en castelán, catalán e eúscaro, segundo o estudo divulgado onte co título Panorámica de la Edición Española de Libros 2016.

A produción editorial creceu en España por terceiro ano consecutivo alcanzando 86.000 títulos, un 8,3 % máis que en 2015, e, deles, o 70,7 % en papel, un 6,4 % máis que no ano anterior.

O Ministerio de Cultura publica desde 1988 esa análise que mostra anualmente o panorama do sector e a súa evolución. O 70,7 % da produción corresponde a libros en papel, mentres que un 29,3 %, a libros noutros soportes, na súa maioría (27,5 %) libros dixitais, que subiron un 13,5 % respecto ao ano anterior.

O número de editores con actividade en 2016 foi de 3.026 e a maioría da edición (90,4 %) foi privada.

A maior proporción de libros inscritos en 2016 (o 31,0 %) dedicáronse a Ciencias Sociais e ­Humanidades, seguidos polos de Creación literaria (21,4 %), Ciencia e tecnoloxía (14,1 %), libros de texto (12,7 %), Infantil e xuvenil (10,8 %) e Tempo ­libre (7,2 %). A produción incrementouse especialmente nos subsectores Ciencia e tecnoloxía (un 26,0 % máis) e Infantil e xuvenil (un 17,7 % máis). Unicamente descendeu a relativa a Libros de texto (-3,5 %) e Tempo libre (-2,5 %).

Polo que respecta ás linguas de publicación, o 91,4 % dos libros editáronse en linguas españolas, deles o 85,5 % en castelán.

En catalán editáronse un 10 %, en eúscaro un 2,1 %, en galego un 1,5 % e en valenciano o 0,8 %.

O ano pasado descendeu a edición en galego (-13,1 %) e valenciano (-48,8 %) respecto de 2015, mentres que creceu a de castelán, catalán e eúscaro un 7,5 %, 7,2 % e 34,5 %, respectivamente.

27 sep 2017 / 20:55
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito