Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

'Bamboleo' recibe esta noite o cantante Manu Tenorio

O espazo presentado por Lucía Regueiro tamén contará coa presenza da orquestra Finisterre e da vocalista María do Ceo

Bamboleo, o programa de entretemento dos sábados á noite na Televisión de Galicia, recibe esta semana a visita do cantante andaluz Manu Tenorio, que lles presentará aos espectadores galegos o seu novo disco, Nosotros en la noche, cheo de matices e atmosferas diferentes, con momentos fondos e introspectivos acompañados doutros divertidos e alegres. O álbum mestura diversos estilos non habituais en Manu Tenorio, xa que se funden toques electrónicos con guitarras funky, sen deixar de lado o seu irresistible romanticismo.

Tamén está convidada a esta velada musical María do Ceo, unha artista de traxectoria única en que se funde a melancolía do portugués coa dozura do galego. A cantante presentará temas do seu novo disco, A Fadista, en que o fado e a música galega volven convivir nun espazo emocional onde as texturas sonoras expresan sentimentos compartidos pola melancolía.

Cun elenco de colaboradores que se apoderarán do escenario, o espazo presentado por Lucía Regueiro tamén contará esta noite coa presenza da orquestra Finisterre.

Nas seccións habituais do programa, Agora ou Nunca amosará o potencial artístico de Mónica Lodeiro, co tema Querer y perder, de Trébol, e de Rafael Crooner, que interpretará El mundo, un hit de Sergio Dalma.

Coma sempre, Bamboleo ofrecerá tamén as seccións A ITV do amor, onde un concursante terá que adiviñar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas; A Jrileira, onde José Daniel e Diego se enfrontarán ao karaoke coa canción Experiencia religiosa, de Enrique Iglesias, e Dirtidansi, en que a parella composta por José e María bailará salsa como parte deste formato da canle pública galega que xa vai camiño de ser un clásico.

08 nov 2019 / 22:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito