Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Barbanza mobilízase contra a violencia machista o 25-N

Catro recoñecidas profesionais participaron onte na Pobra nas Xornadas Muller e Ciencia // O Son e Lousame camiñarán pola igualdade o vindeiro domingo // Noia súmase mañá á campaña coa que tinguirá de negro todo o municipio

    Os concellos de Barbanza e Muros-Noia teñen previsto desenvolver un amplo programa de actividades para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, unha das maiores lacras sociais actuais.

    Na Pobra, numerosas persoas asistiron onte no auditorio ás conferencias das V Xornadas de Muller e Ciencia, protagonizadas por catro expertas re recoñecida traxectoria profesional.

    As poñentes foron Ángeles Longa Portabales (doutora en Bioloxía pola USC, que traballou en varios centros de investigación antes de se incorporar en 2001 ó Consello Regulador do Mexillón de Galicia), quen falou sobre o mexillón de Galicia e a ciencia; María M. Álvarez Lires (doutora en Química pola Universidade de Vigo e cun posgrao en Responsábeis de Coeducación pola de Barcelona), que impartiu a charla A ciencia e a técnica teñen nome e face de muller; Laura González García (doutora en Marine Science, Technology and Management pola Universidade de Vigo e licenciada en Bioloxía Mariña pola de Santiago, con dous mestrados na de Vigo, un en Oceanografía e outro en Biodiversidade e Ecosistemas), que aportou a conferencia Das rías galegas ás baleas dos Azores; e Susana Ladra González (enxeñeira e doutora en Informática pola UDC e graduada en Matemáticas pola UNED), coa charla Big data e xenómica.

    Ademais, a vila vaise vestir de loito en sinal de dor por toda as mulleres que sofren violencia. Dende mañá e ata o vindeiro 25, en moitas tendas, comercios, empresas, bares, postos do mercado etc. haberá manequíns ou manteis negros, por exemplo.

    En Rianxo, o Concello e a piscina municipal organizan unha Andaina en Negro para o sábado 23. A saída farase ás nove da mañá na Praza de Padrón, cun percorrido circular de 17 quilómetros. A actividade é de balde e vai dirixida a maiores de doce anos.

    Xa en Outes e Noia os actos comezarán mañá coa campaña En negro contra as violencias, coa que se busca tinguir de escuro os municipios ata o 25-N, xornada na que a concellería de Servizos Sociais noiesa convoca unha concentración ás 20.30, diante do consistorio. Ademais, o Concello organiza o taller Machismos sen miopías: visibilizando as devanceiras, que terá lugar os martes 26 de novembro e 3 de decembro, de 18.00 a 20.30 h., na casa da cultura.

    O domingo 24, Lousame celebrará a V Andaina contra a Violencia Machista, de participación gratuíta. Ese mesmo día tamén camiñarán pola igualdade en O Son, baixo o lema Caladiña non estou máis ghuapa! E o 25-N repartirán exemplares da Guía do Ben Querer, dirixida a parellas de adolescentes.

    En Muros estanse a desenvolver obradoiros en igualdade e prevención de violencia de xénero para o alumnado dos IES. Asemade, conmemorarán o propio día cunha concentración e a lectura dun manifesto na casa da cultura ó mediodía. Para rematar, Carnota tamén fomentará a igualdade entre o público infantil e familiar o venres co espectáculo da Tropa de Trapo, que terá lugar no salón de plenos ás 17.30.

    16 nov 2019 / 23:44
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito