Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os Beatles e dous grandes do deseño gráfico centran a Ourense ICC Week

O presidente Baltar xunto aos coordinadores do evento presentaron a nova programación que levará iniciativas culturais e musicais por toda a provincia

As raíces musicais dos Beatles, a súa historia e as anécdotas máis persoais vividas polo grupo de Liverpool serán protagonistas destacadas o día 2 de abril dentro da edición 2020 da "Ourense ICC Week", coa participación de Julia Baird, irmá de John Lennon, e do grupo The Quarrymen, a primeira banda que formou Lennon e que logo desembocaron nos Beatles.

"O feito de que veña á ICC Week significa que en Ourense poderemos gozar coas raíces do mellor pop e rock internacional, e acompañando a Julia Baird coñeceremos as anécdotas do ambiente musical que se vivía no Liverpool de finais dos anos 50", afirmou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na presentación onte das propostas musicais, de publicidade e creatividade da Semana das Industrias Culturais e Creativas de Ourense, xunto aos coordinadores da ICC Week, Juan Rivas e Manuel Araújo.

O programa desta edición contará tamén cos creativos Óscar Mariné e Toni Segarra, quen achegarán a súa visión do mundo do deseño gráfico e a publicidade, e as novas formas de expresión artística, que serán de novo protagonistas nesta edición da Ourense ICC Week.

Baltar salientou que a Ourense ICC Week "é a plataforma perfecta para seguir ofrecendo innovación musical, e-sports e a vangarda en calquera xénero de creación. Sen dúbida, do 31 de marzo ao 5 de abril hai que estar en Ourense e vivir esta experiencia de creatividade, e facelo da man do goberno provincial, que segue crendo que esta é unha aposta fundamental, tendo en conta o gran retorno mediático e de posicionamento da capital e do territorio provincial por todo o que significa este evento", remarcou o presidente Baltar.

Julia Baird presentará en Ourense o seu libro Imagine this, no que relata as vivencias da infancia co seu irmán, e tamén momentos posteriores cando John Lennon era xa unha estrela da música. Esta homenaxe terá unha continuación musical, na mesma xornada do xoves 2 de abril, protagonizada por The Quarrymen, a banda orixe de The Beatles. Neste grupo comezaron a súas andainas musicais Lennon e logo McCartney, en 1957. A banda inglesa, cos membros fundadores de The Beatles, reunidos de novo en 1997 (Rod Davis, Colin Hanton, Len Garry e Chas Newby), ofrecerán un concerto que se converterá en toda unha homenaxe aos inicios do grupo británico.

Ademais, o apartado musical contará con Anni B. Sweet. a brasileira LA BAQ, Juan Perro, o Festival de culturas africanas Harmatán, e Bantastic Fand, así como un concerto do Club 100, que traerá ata Ourense o mércores 3 de abril ao grupo murciano Maldita Nerea, Este concerto celebrarase no centro cultural Marcos Varcárcel.

Esta nova edición da Ourense ICC Week levará novamente iniciativas culturais e musicais pola provincia.

O deseño e a publicidade terán tamén unha importante presenza con Óscar Mariné e Toni Segarra, o único español na lista dos 100 Creative Minds da revista Shots é para moitos o mellor creativo español do século XX. O mércores 1 de abril, no Teatro Principal aportará a súa visión da publicidade e da creatividade.

26 feb 2020 / 20:59
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito