Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 02 junio 2020
02:59
h

O BELÉN ARTESANAL RECIBIU A MÁIS DE 11.000 VISITANTES DURANTE A SÚA PRIMEIRA SEMANA DE APERTURA

Nas xornadas festivas do venres e o domingo rexistráronse as maiores afluencias, con máis de 2.500 persoas por día // Nesta semana colexios de distintas localidades e excursionistas de León, Asturias e Ourense achegaranse a ver o nacemento

O Belén Artesanal en Movemento recibiu durante a súa primeira semana de apertura arredor de 11.000 visitas. Os días de maior afluencia coincidiron coa ponte festiva, con enormes ringleiras de visitantes ás portas do nacemento de Campaña a agardas de máis dunha hora para entrar. Incluso houbo persoas que, ao comprobar as longas colas que se formaron, preferiron aprazar a súa visita e probar sorte outro día con menos afluencia.

Na xornada inaugural, o pasado domingo 1, achegáronse ao Belén Artesanal un milleiro de persoas, entre elas os viaxeiros de tres excursións organizadas que recalaron en Campaña en autobús e que procedían de localidades coma Vigo. O día da Constitución, o venres 6, xa dende a mañá se deixou notar un grande movemento de persoas, moitas delas en grupo ou en familia. E pola tarde a alfuencia multiplicouse ata superar as 2.500 persoas durante toda a xornada.

Durante a fin de semana mantívose esta dinámica. O sábado 7 o Belén estivo aberto pola mañá a pesar de non ser o seu horario habitual, xa que estaba programada a chegada de tres autobuses con excursionistas de Pontedeume e Betanzos. A eles sumaronse outros visitantes que aproveitaron que as portas do nacemento estaban abertas para ver as novas incorporacións desta edición. Xa pola tarde, e a pesar da chuvia, a afluencia acadou as 2.000 persoas chegadas de practicamente toda a xeografía galega e doutros puntos da Península coma Asturias ou Ávila.

Onte domingo Belén de Valga foi a alternativa de ocio e turismo elixida, de novo, por centos de persoas. Pola mañá recalaron en Campaña seis autobuses e un minibús o que fixo que o ambiente e o movemento de visitantes se asemellase moito ao das grandes tardes. A partir das 17 horas, cando volveu reabrir o nacemento, as colas de xente baixo os paraugas ás portas do Belén foi a imaxe máis significativa da xornada, na que se rondaron de novo os 2.700 visitantes.

O Belén Artesanal en Movemento permanecerá aberto ao público de xeito gratuíto ata o 12 de xaneiro, entre semana de 17:30 a 20:30 horas, os sábados de 17 a 20:30 e os domingos e festivos de 12 a 14 horas pola mañá e de 17 a 20:30 pola tarde. Os colexios, asociacións e outros grupos poden concertar as visitas a través do número de teléfono 630 95 25 15.

Para esta semana, ademais do horario habitual de apertura, están programadas visitas de centros educativos de localidades como Pontevedra, Muros, Vilagarcía ou Boiro, e excursionistas de León, Asturias e Ourense, entre outras procedencias.

11 dic 2019 / 00:14
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito