Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
pan e coitelo

Bieito XVI

    En lingua galega o nome do Papa é Bieito XVI. Bieito é a forma galega do seu nome, e por tanto a que se debe de usar na lingua de Galicia. Benedito, sen o c antes do t, é unha forma culta que pode escribirse, mais non hai razón para facelo con preferencia. En calquera caso Benedicto con c non é galego, é castelán. Entre os lingüistas que estudan estes asuntos o acordo sobre isto é unánime. Na Xunta de Galicia, no departamento de comunicación, nos gabinetes de prensa e na TVG, cande escriben en galego, ou cando se menciona nos programas, sempre figura Benedicto XVI. Pensarán vostedes que o problema é técnico, de uso correcto da lingua. Éo, mais non só, porque afecta a outras fibras máis profundas do tecido.

    Non usan o nome Bieito porque consideran que é pouca cousa para unha persoa tan importante. Trátase da síndrome de Xan das Bolas. Este era un personaxe de cinema do franquismo que se humillaba ante persoas sofisticadas. Para iso usaba un acento galego moi esaxerado e tal como din nun blog adicado a el, non era só o acento, senón que con esa caricatura de paifoco anunciaba o seu horizonte mental. O espectador gozaba mofándose da mofa, mentres que entre todos indignaban aos galegos, á maioría, non a todos.

    Introducir Benedicto nos textos en galego é consciente e humíllanos. Podemos discutir se hai que usar máis ou menos galego, pero alterar o código arbitrariamente remite a un grave complexo, intolerábel na Administración e na televisión, ás que lles pagamos precisamente para o contrario. E sobarda o problema lingüístico, igual que a ignominia urbanística supera o problema urbano ou os incendios o forestal. O Arcebispado de Santiago imita a Administración civil. No cartel anunciador da visita mesturan castelán e galego, e van en castelán precisamente as palabras que rodean o nome do Papa: Benedicto. Os cataláns editan dous, un en castelán e outro en catalán e punto. Ademais na pouca liturxia que manexan en galego aparece Bieito. Non fai falta ser Chomsky para comprendelo.

    Escritor e profesor

    06 sep 2010 / 21:24
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito