Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{ tribuna libre }

Bitácora de ausencias

    Montserrat Villar González é unha de tantos fillos e fillas de Galicia que non existen para o que, en puridade, está considerado como literatura galega. Esta poeta e tradutora escribe extramuros, tamén “en tránsito”, na diáspora da vella Helmántica, levando porén no corazón esa música mortal que nos rodriga á terra. Poeta non galega, malia ter algún dos seus poemarios traducido á lingua de noso. É certo que a verdadeira biografía dun escritor atópase nos seus escritos, mais estes non abrollan da nada, senón dun ser de carne e óso que o é desde a nenez. Unha nenez, no caso de Montserrat Villar nutrida polas paisaxes e rumores que xera e apadriña o vello Miño.
    A última achega da súa xa ampla obra poética é Bitácora de ausencias, un poemario no que o logos sonoro dos seus poemas executa esa augusta función da poiesis e do poeta. Faino na primeira parte, Las cenizas del silencio, con versos de gran tensión creativa, congruente cos momentos nos que unha pavorosa realidade irrompeu nos ollos e na alma da poeta: a visita aos campos de exterminio de Auchwitz-Birkenau. Soamente catro poemas, mais habitados por unha inmensa potencia expresiva, para facernos presente o arrepío, a dor e a morte. A poeta, quitándolle a razón ao dictum de Adorno, non pode deixar de escribir, como mantivo Paul Celan. Reescribe, xa que logo, Montserrat Villar a irracional monstruosidade do campo de exterminio, e nos seus versos esfragámonos co espanto, nomeadamente no poema Cóncavo silencio, un paradigma do horror que fai amolecer a nosa pel.
    Versos porén, entreverados de vida e de soños que permiten suavizar o silencio que afoga a voz dos masacrados.
    A segunda e terceira parte están nutridas por poesía para sobrevivir, para amarrarse á vida. A poeta dirixe agora a rabia e a carraxe do seu brado cara ao propio eu. A voz poética explora a dimensión existencial, a finitude e o dó con final previsto entre a vida e a morte. Versos, poemas que conforman un persoalísimo magma lírico, un caderno de bitácora ateigado de operacións de linguaxe e pensamento. E aínda que a poeta non desdeña os agasallos fonocéntricos, non se sente cativa dos versos encarcerados na métrica e na rima. Veros libres os seus, mais non privados de forma, escritos sen palabras vanas, pero rebordantes de tensión, forza e emotividade.

    Crítico literario

    28 may 2016 / 19:14
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito