Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{ AGORA XA FOI }

Buono di Scattare

    Anda polos eidos italianos Sabrina Lembo, de Campobasso (Puglia), traductora ao seu idioma de Chema Paz Gago ou Alfredo Conde, especialista en Federico García Lorca (dela é un estudo espléndido verbo das diferentes versións na lingua de Pasolini do Llanto por Ignacio Sánchez Mejías), coa ollada posta nestas terras. Nas que se deixa ver de cando en vez, quer para refacer o Camiño de Santiago, ao menos no seu remate, quer para promocionar os productos aceiteiros do seu Campobasso natal. Onde o Olio Lembo é sinal de prestixio, tamén como cabeceira dun concurso fotográfico, titulado xustamente Buono di scattare, algo así como “un bo disparo”, no que o aceite é cerne e esencia, e nunca mellor dito. Este ano o concurso moveu xa segunda edición, e nela o primeiro posto na modalidade giovane foi para Rebeca Martínez Alcón, proxecto de dona “alta e delgada”, como no libro de Álvaro Cunqueiro. Un autor que tería desfrutado a compaña de Sabrina Lembo, con que cadrei unha tarde romana, diante do Panteón de Agripa, mentres unha banda do rueiro tocaba o Hey Jude, de Lennon e McCartney (e por certo que nunca mellor tocado). Sabrina Lembo, namorada de Galicia, traductora ao italiano do Wha(ts)appa. Piropoemi per cellulare, de Chema Paz Gago, ten ese plus itálico que namorara a Cervantes, Quevedo, o Conde de Lemos, Eugenio Montes ou Alfonso S. Palomares, coñecedor exquisito de Roma e de algún dos seus papas, así aquel tremendo Formoso, ou a cáseque papisa Marozia, ollos verdes, pel branquísima aloumiñada por un aquel mouro que fai máis críble o desaxuste do papado diante do emperador. Da emperatriz Marozia para o caso. O outro día, encetándose a boroa de xaneiro, no Campidoglio de Roma, riba da escaleira que vixían Cástor e Pólux, gorro ao Chico Marx, entregáronse os premios do II Buono di Scattare. O Campidoglio, perto da loba capitolina, á beira do monumento vitoriano, onde Roma desenguedella historia e futuro. Porque poucas cidades como esta que se fagan, desfagan e volvan facer decotío. Históricamente de vagar cal as oliveiras de Campobasso. Instantáneas vivas das que terma Sabrina, tan atenta e curiosa ou ave lixeira no ceo italiano viaxando con nós, onde nós, cara a nós.

    Escritor e crítico literario

    31 ene 2015 / 18:32
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito