Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
palabras e parole

Campos semánticos

    NA lingüística, como sabemos, un campo semántico é un grupo de palabras relacionadas polo seu significado e que pertencen á mesma categoría gramatical. Por exemplo, o campo semántico da roupa de vestir, estaría formado polos substantivos vestido, chaqueta, abrigo, pantalón, blusa, etc. O lexicógrafo, cando fai a selección das palabras que, segundo a súa opinión, debe ter o dicionario -no noso caso o dicionario galego-italiano-, porque considera que son verbas imprescindibles e de uso corrente, debe agrupalas por campos semánticos, para logo ter en conta varias cousas.

    Explícome: non é lóxico que dentro dun campo semántico haxa unhas diferencias moi grandes en canto ao número de palabras e a súa importancia. Para conseguir unha homoxeneidade na selección de entradas, non é aconsellable que aparezan 15 nomes do campo semántico das flores e 35 do das plantas. Isto significa que, se como resultado da primeira selección, constatamos que é moi diferente o número de palabras dos campos semánticos, na segunda escolla deberemos reducir ou aumentar as verbas ata acadar un número aproximado dentro de cada campo o que, por outra parte, significa, nalgúns casos, que a segunda escolla pode variar con respecto á primeira.

    E cales son os campos semánticos dos que non se debe prescindir? Parécenos que dentro da realidade coa que contamos, temos que recoller aqueles que sexan máis usuais: elementos da natureza, árbores, aves, vestimenta, gastronomía, verduras, carnes, peixes, as relacións de parentesco, medios de transporte... deixando aparte outros campos como o da mitoloxía, as relixións, etc. De certos temas como o folclore ou as festas, seleccionaranse, fundamentalmente, aquelas verbas que non teñen tradución á outra lingua como "ferragosto", "muiñeira", etc. Trátase das chamadas palabras culturais, das que xa temos falado.

    Non debemos esquecer que, ás veces, hai algunhas palabras que pertencen a dous ou máis campos semánticos: "cunca" é un utensilio de cociña e unha unidade de medida e "ferrado" é unha medida de capacidade para grans e un caixón trapezoide desa capacidade. Ambos sinónimos de "tego" ou "tega".

    E que palabras hai que seleccionar dentro de cada campo semántico imprescindible? A pregunta ten a mesma resposta ca anterior: é aconsellable, baixo o noso punto de vista, e naturalmente, tendo moi en conta a extensión do dicionario, cousa que endexamais se pode esquecer, recoller as palabras máis usuais e, polo tanto, máis coñecidas. Por exemplo, dentro do campo semántico das flores serían entradas do dicionario a "margarida" o "caravel", a "rosa".. e non o "narciso", a "petunia" ou o "xacinto".

    Tendo isto en consideración, no campo semántico das árbores e arbustos, non poderían faltar o "carballo" o "breixo", ou o "buxo", nin o "acibo", o "toxo" ou o "espiño" e dentro das plantas aromáticas: "ourego", "tomiño", "romeiro"...desbotando a "salvia", o "estragón" ou o "áloe". Non fai falta subliñar que non é necesario recoller un número exacto de palabras en cada un dos campos semánticos: no campo dos cereais pode haber algúns termos máis que no campo das cores, por poñer un exemplo. Trátase, fundamentalmente, de conservar o equilibrio, a coherencia e a descompensación, cousa que agradecerá o usuario.

    Catedrática de Filoloxía Italiana na USC

    08 oct 2017 / 01:19
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito