Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cando Sar era Concello

O colectivo Espazo Veciñal conseguiu reunir más de 600 imaxes sobre a historia do barrio // Unha escolma de 250 poderase contemplar a partir do sábado nunha mostra que se divide entre o CIAC e o centro sociocultural // Haberá debates e charlas para complementar o relato gráfico

Cada cambio de ciclo, a sociedade precisa facer memoria para coñecer as súas orixes e saber cara onde vai. Iso foi o que pensaron os veciños de Sar cando hai un ano comezaron a recompilar fotos antigas para reconstruír a súa historia. Froito daquel laborioso traballo, este sábado 16 (19 h.) inaugúrase no CIAC de Belvís e no centro sociocultural unha prolixa exposición con 250 imaxes e documentos que repasan a vida cotiá do barrio no último século.

Entre outros tesouros, a mostra serve para sacar á luz algo que moitos habitantes da zona nin sequera saben. Sar foi Concello independente de 1820 a 1822. “Vai ser moi impactante. Fálase moito, por exemplo, do Concello de Conxo, pero o que moitos non se imaxinan é que daquela a parroquia de Conxo pertencía a Sar”, advirte a elcorreogallego.es Manuel San Martín Villamor, un dos portavoces do colectivo Espazo Veciñal de Sar. “Temos documentos nos que figuran o nome do alcalde, o proceso electoral, a organización territorial … Daquela Sar tiña unha extensión grandísima e chegaba ata Cacheiras (Teo), o Pico Sacro (Boqueixón) e polo outro extremo prolongábase ata Bando”, explica.

Aínda a pesares da relevancia que tivo noutros tempos, “Sar perdeu peso” no conxunto da cidade, en particular en todo aquilo que ten que ver co “sentimento de barrio”, lamenta o portavoz. Cunha superficie que abrangue de Patio de Madres a Aríns e Angrois, na última década foi recuperando protagonismo grazas a que se convertiu en lugar de residencia de moita xente nova que, en na maior parte dos casos, aínda ten pendente a integración na súa contorna. Tamén as intervencións para poñer a punto as rúas e a rehabilitación de vivendas antigas lle están a dar outro aire a un núcleo que ten como epicentro unha colexiata románica do século XII.

Aberta ata o 30 de setembro, a exhibición convida a facer unha viaxe no tempo que se remonta ata 1917. Esa é a data que identifica a imaxe máis antiga, unha postal da rúa Castrón Douro que leva a sinatura dun fotógrafo francés. Segundo descubriron os organizadores, Compostela foi unha das paradas que o autor fixo nunha longa viaxe por diferentes países. De Santiago quedou con oito instantáneas, unha delas de Sar. Na actualidade exponse nun museo galo e solicitouse autorización para incluíla no proxecto.

Capítulo aparte merecen os represaliados do 36. A eles o colectivo organizador quere rendirlles a súa particular homenaxe. Cando iniciaron as súas pesquisas, sabían de dúas persoas que foron vítimas do franquismo e finalmente deron con oito. “Buscamos as partidas de nacemento para asegurarnos de que eran do barrio e despois recollemos fotografías e información sobre o acontecido. Houbo un traballo detrás bastante grande”, recalca San Martín. Tamén as lavandeiras, con tanto peso noutros tempos, teñen na mostra especial protagonismo.

UNHA ESCOLMA COMPLEXA

A escolma non resultou en absoluto sinxela. O que máis custou foi tirar do fío no primeiro intre e apelar á colaboración veciñal. A resposta foi espléndida. De seguida comezaron a asomar fotos do fondo dos caixóns e o relato do barrio comezou a cobrar forma. Reuniron 600 imaxes, aínda que por cuestións de espazo só se expoñen 250 (repartidas entre o CIAC e o centro sociocultural). Tamén “dignas” de saíren á luz, o resto poden verse nas dúas pantallas que se instalaron en ambas salas para complementar o proxecto. Ademais das que aportaron os veciños, na exposición tamén se poden ver instantáneas que cederon entidades como o Grupo Correo Gallego.

Aínda que confensan que se sinten sobrepasados coa montaxe, desde o Espazo Veciñal de Sar non descartan levar a súa mostra ata outras salas da cidade.

CAFÉ DA MEMORIA

En paralelo, ata finais de setembro celebraranse unha serie de actividades que contribuirán a enriquecer ese ambicioso proxecto que naceu para reconstruír a historia do barrio. O luns 18 (20 h.) o escritor Suso de Toro moderará un debate con veciños da zona no centro sociocultural (CSC). Montse Fajardo ofrecerá o mércores 20 (20 h.) a charla A memoria das mulleres. Franquismo e represión no CIAC de Belvís. O venres 22 (20 h.) será o turno de Antonio Míguez Macho, que falará sobre Violencia e destrución da cidadanía: Sar 1936-1945 no CSC. As fábricas do coiro centrarán a intervención de Xoán Carmona o luns 25 de setembro (20 h.) no CIAC. Xa por último, o venres 29 de setembro Martín Souto disertará sobre o ecosistema das Brañas de Sar (20 h., CSC).

15 sep 2017 / 16:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito