Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Caracol, onde estás?, de Tomi Ungerer

Tomi Ungerer (Estrasburgo, 1931) é un dos máis recoñecidos autores-ilustradores do século XX e un dos máis relevantes da literatura infantil e xuvenil. Galardoado, en 1998, co prestixioso Premio Hans Christian Andersen, a súa produción artística esténdese por catro décadas e integra unha multiplicidade de obxectos, entre 30.000 e 40.000, en estilos diferentes. Nesta súa vasta obra, distínguese a composición de máis de 120 libros, algúns deles clásicos indiscutibles da literatura universal, como Os Tres Bandidos (1961), O Homem da Lua (1966) ou Otto: The Autobiography of a Teddy Bear (1999).

En 1962 saíu a lume a primeira edición de Caracol, onde estás?, volume recuperado este ano por Kalandraka e que se inscribe na liña de Onde está o meu zapato? (1964), xa dado a coñecer nunha reedición publicada pola mesma editorial en 2014.

En Caracol, onde estás?, a interrogación invocativa que constitúe o título representa o punto de partida ou o reto que se lanza ao lector: percorrer as páxinas do volume ou a secuencia de ilustracións, sen palabras, en que se basea, e chegar ao seu final cunha resposta, no presente e na primeira persoa, declarada polo propio protagonista, xa introducido desde o título. A partir dunha técnica sagaz de ocultación, Ungerer vai envolvendo ao receptor nun xogo visual, nun exercicio de atención que esixe un ollar demorado e astuto. Preténdese que aquel que le e se diverte descubra nas diversas formas que integran as ilustracións, representacións coincidentes cun caracol. E, con coidado e perspicacia, esa figura animal vai sendo suxerida e vista en imaxes tan diversas como as ondas do mar, certos animais e plantas ou partes de instrumentos, por exemplo, que inclúen representacións de espirais logarítmicas. Apostando por unha paleta de cores fortes e contrastivas en representacións pictóricas que presentan algúns obxectos “sorprendentes”, Ungerer capta a atención do lector curioso que se dedica a descubrir detalles coincidentes coa imaxe dun caracol.

Cunha compoñente ostensivamente lúdica, o álbum representa un desafio á capacidade de observación e de desciframento, gardando divertidos enigmas visuais. Óptimo para prelectores, ideal para lectores de todas as idades.

sara_silva@ie.uminho.pt

18 feb 2018 / 16:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito