Carlos Núñez representará hoxe a Galicia no festival de Lorient
Mercedes Peón será a encargada de rematar o encontro esta fin de semana
Galicia segue participando na 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, un encontro da cultura celta que este ano celebra o Année de la Galice.
Deste xeito, a programación do evento conta cunha ampla representación da comunidade, contando no día de onte coas actuacións de Ariel Ninas, Tiruleque, Milladoiro, Do Fondo da Barra e Habelas Hainas.
Hoxe será a quenda do gaiteiro Carlos Núñez e o venres subirase ó escenario Xosé Lois Romero.
Esta fin de semana a participación rematará coa actuación da artista Mercedes Peón, aínda que ao longo destes días actuarán novamente Os da porfía, Talabarte, Xacarandaina, Habelas Hainas, Os Sin Son e Tiruleque.
A finalidade do pavillón en Lorient é o fomento e a difusión do coñecemento da música e a danza galega. Tamén busca favorecer a promoción da autonomía como destino cultural e turístico de cara ao vindeiro Ano Santo. Nesta liña, alberga a mostraO Camiño de Santiago. Unha experiencia contemporánea de peregrinación, formada por preto dunha vintena de imaxes do fotógrafo Manuel Valcárcel que recollen algúns dos valores principais da peregrinación, como a convivencia, o encontro, o esforzo ou a mestura de culturas.
A gastronomía tamén cobra importancia dentro do programa, facendo gala a través da degustación de produtos típicos e promocionando a calidade como destino , en colaboración co Clúster Turismo de Galicia.
Así, búscase compartir co público asistente ao evento, máis de 750.000 persoas chegadas de todo o mundo, o amplo abano de formatos, estilos e tendencias que, a partir da música tradicional, percorren sonoridades diversas.