Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
otras letras

A casa de Hortas

    HAI SEIS ANOS que nos deixou Manuel María e fanse actos na súa lembranza. Parece ser que a súa casa natal vaise destinar a museo, e iso é importante. Andaba eu estes días buscando un libriño do ano 1997 titulado Sonetos á casa de Hortas, que apareceu aplastado entre outros libros nos que un deixou a vista, a bolsa e a vida. É pequeniño e estreito, ten só sesenta páxinas con cincuenta sonetos. Dicía Manuel que elixiu o soneto pola súa estrutura pechada, algo así coma a casa. O soneto, que era "o rei dos dicires" para Blas de Otero, atopa unha versión lixeira e sublime neste libro de Manuel, que eu teño, xa como unha xoia, adicado e numerado á man co número 28. Relino intensamente, con fonda señardade, asombrado pola beleza, ferido polo tempo que pasou e por outras cousas que non veñen a conto.

    "A casa: matria, patria, fundamento, / do desacougante drama de existir. / [...] Toda ela é unha lección de xeometría, / unha doce ternura pudorosa". Non hai artificio nin grandes cousas dentro dos sonetos, todo é natural e sinxelo, a ras de terra, coma todo o que é auténtico e importante. Cántase ás mazairas, ás cerdeiras, ás bidueiras, ó magnolio, á aira, ás mallas, ás palleiras, a todo o que conforma unha casa e unha maneira de vida e de ser. Para cantar a estas cousas non cómpren metáforas, senón memoria viva e apaixoada. No primeiro soneto hai xa unha definición: "non sei o que me falta: se é a casa, / a infancia tan lonxana, os devanceiros". A infancia, patria do home, aínda que o dixera Rilke. Manuel María cambiou de lugar, pero a casa de Hortas permanece e permanecerá, as casas están por enriba de nós. Tamén permanece vivo o libro que un día me adicou, cun texto que non transcribo pudoris causa. Manuel María, poeta e amigo, deixounos libros que aínda nos alimentan. Longa vida para a casa de Hortas.

    Ex secretario de concello

    09 sep 2010 / 21:16
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito