Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 26 noviembre 2020
01:00
h

“O castro de Baroña foi relegado como modelo galego da cultura castrexa”

Francisco Calo Lourido Arquéologo, catedrático e historiador

Francisco Calo Lourido (Porto do Son, 1948) é doutor e catedrático de Xeografía e Historia, patrón do Museo do Pobo Galego, correspondente da Real Academia Galega e membro, entre outras institucións, da Sociedade Portuguesa de Antropologia e Etnologia. Profesor invitado na Universidade de Porto. Participante en múltiples escavacións arqueolóxicas, dirixiu as do Castro de Baroña. Desenvolve a súa actividade investigadora sobre todo nos eidos da arqueoloxía e da antropoloxía, con máis de 180 publicacións.

Cal é a importancia histórica e cultural do castro de Baroña no contexto da cultura galega?

Este xacemento foi un dos primeiros castros que­ foron escavados en Galicia seguindo un método de traballo de campo e mesmo unha metodoloxía punteira. O seu escavador, Sebastián González-García Paz, publicou os resultados cunha pulcritude científica ao nivel do mellor que se estaba a facer en Europa naquela altura, cando a investigación na nosa terra avanzaba da man dos homes do Seminario de Estudos Galegos. O seu privilexiado emprazamento converteuno no referente castrexo para unha maioría de galegos non especialistas.

Que peculiaridades fan especial o castro de Baroña na cultura castrexa?

No estado actual dos coñecementos que as escavacións proporcionaron, podemos dicir que o seu principal valor é o paisaxístico, así como a súa monumentalidade. O feito de ser visto case a ollo de paxaro, fai del un paradigma de castro; pero con respecto á ergoloxía, aos materiais, temos que recoñecer que, con independencia da tan coñecida arracada áurea, ben situada cronoloxicamente, é un castro pobre, sempre coas reservas do que poida achegar a plataforma norte, cando sexa escavada.

Vostede publicou varios traballos sobre o castro de Baroña e coñece os seu estado. Podería describirnos o seu estado de conservación xeral e os perigos que poden vir se non se actúa na conservación deste xacemento?

Todos os xacementos arqueolóxicos están expostos a agresións e, se estes foron escavados, aínda en maior medida. Baroña ten unha vantaxe e un perigo. É aquela o feito de tratarse dun castro marítimo, polo que está libre da agresión da vexetación que oculta e esnaquiza as estruturas da maior parte dos xacementos. O perigo, real, é precisamente o seu emprazamento e beleza que o fan atractivo a visitantes non sempre respectuosos. Sendo obxectivo, non considero que este castro sexa, nin moito menos, dos máis deteriorados de Galicia. De nada servirán actuacións, se falla o máis importante: o control e a vixilancia do castro.

Que criterios se deberían seguir para acometer calquera obra de conservación ou de restauración do castro?

Se nunha casa vella facemos unhas reformas, segue a ser vella e sempre haberá que volver sobre ela. O que realmente precisa o castro é escavacións. Facer agora obras de restauración é como maquillarse sen ducha previa. Hai que rematar os traballos para coñecer perfectamente a totalidade do xacemento. Así teriamos certeza de se as cronoloxías e a función do mesmo son realmente o que agora pensamos que son ou se novos elementos nolos fan mudar. Rematado isto, podemos planificar unha consolidación (nunca defendín as restauracións) xeral, así como os vieiros de paso, carteis explicativos, etcétera.

Axudaría á súa conservación dunha maneira definitiva a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC)? Debe proceder a Xunta de Galicia a resolver ese expediente de BIC canto antes?

Por suposto que axudaría, porque a Xunta de Galicia se vería consecuentemente obrigada a unha implicación real no xacemento e á súa protección.

Pode, na súa opinión actuar o concello de Porto do Son no xacemento sen permiso da Xunta de Galicia ou as competencias son exclusivamente do Goberno autónomo?

Coido que coa lexislación actual na man, as competencias son exclusivamente do Goberno autónomo; pero, polo mesmo, o concello ten toda a forza legal para esixir que a Xunta de Galicia cumpra coas súas obrigas no que afecta ao patrimonio.

Cales cre que son os lugares concretos do castro onde hai maiores danos? O arqueólogo Concheiro Coello anota a primeira liña defensiva, é dicir, o foxo e a muralla do itsmo; coincide con el neste diagnóstico?

Visitei o castro hai poucos días e podo dicir que, para min, o máis afectado do castro é, loxicamente, a porta de acceso. Botei a faltar bastantes pedras dos banzos da escada-rampla, así como elementos dos machóns laterais. Non considero grave o feito de que caesen algunhas pedras das distintas casas, considerando o nivel no que foron atopadas nas escavacións. As fendas do castro demorarán séculos ou milenios en fendelo en tres anacos, e a máis perigosa xa foi por min protexida nos inicios dos 80. Non vexo nada particular na muralla do istmo. Podo dicir que está practicamente igual que en 1985, e o foxo o único que ten é area, que se pode retirar nun día cunha paá mecánica.

A propia Consellería de Cultura, no último levantamento topográfico e estudo do estado do castro documentou seis áreas de impacto crítico e en grave risco de perda irreversible. É posible esta perda irreversible de partes fundamentais do xacemento senón se actúa con celeridade?

Non tiven acceso a ese documento; pero insisto en que o único que corre un perigo real e irreversible é a porta de entrada á primeira plataforma. Se esta se derrubase, sería moi complexo refacela. O demais pode ser resolto en poucas xornadas por uns canteiros da zona.

Que opinión lle merece a decisión da Xunta de Galicia de aducir falta de presuposto para acometer as obras de conservación no castro de Baroña?

Ignoro a capacidade real de gasto da Xunta de Galicia; pero non dubido de que o tratamento co Porto do Son e o seu castro de Baroña sería moi outro se a cor política actual do concello fose azul. Houbo un tempo en que se pensou en converter este xacemento nun modelo galego da cultura castrexa. Seino ben, porque estiven implicado, mesmo elaborando un longo informe. Alguén decidiu que un dos dous castros galegos con maior número de visitantes ao ano debería ser posposto en beneficio dun xacemento castrexo atípico, como é o caso de San Cibrán de Las. A lóxica política non sempre concorda coa lóxica.

O presidente Feijóo dixo que as axudas deberían vir de fóra do Goberno autonómico. É lóxica este desleixo de competencias por parte do Goberno autónomo, mentres se gastan millóns noutras intervencións culturais menos urxentes?

Esa resposta do presidente Feijóo é absolutamente coherente con el e a súa praxe política. A Xunta que preside é, segundo el mesmo di, día tras día, polas distintas televisións estatais, absolutamente irresponsable, o mesmo con respecto á crise, que co futuro das Caixas, coa emigración dos mozos ou coa protección do patrimonio histórico e monumental. El semella pasar por aí rumbo a máis altos destinos.

21 feb 2011 / 00:00
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito