Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Celeiro defende dende Negreira unha materia sobre a Comunicación

O director do Gabinete da Universidade de Santiago avoga por unha cidadanía analítica

“A comunicación é parte substancial no proceso educativo e formativo, imprescindible para a creación e transmisión de coñecemento”, segundo puxo de manifesto o xornalista e director do Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago, Luís Celeiro, no transcurso dunha conferencia, Comunica que algo queda, onte no IES Xulián Magariños de Negreira, no marco das Charlas Temáticas ofertadas polo Programa À Ponte da USC.

Na primeira parte da súa disertación, aludiu ás titulacións de Comunicación que se imparten nas tres universidades de Galicia, destacando como un “mal menor” a duplicidade e, nalgún caso, a triplicidade de titulacións. O grao de Comunicación Audiovisual, por exemplo, impártese nas tres universidade do Sistema Universitario de Galicia, en Pontevedra, Santiago e A Coruña. Xornalismo está na Universidade de Santiago e Publicidade e Relacións Públicas, na de Vigo e na cidade de Pontevedra.

Despois de referirse aos respectivos plans de estudos das titulacións, Celeiro achegou aos estudantes de Bacharelato unhas nocións básicas, pero fundamentais, da comunicación e reflexionou, cos futuros universitarios, acerca das ferramentas das que poden dispor os comunicantes non profesionais e da importancia da comunicación e da información como instrumentos funcionais e tamén de apoio na formación.
O xornalista insistiu na idea de que “a sociedade necesita cidadáns formados, intelectualmente preparados, con capacidade de análise”, e mostrouse partidario da implantación dunha materia con perfil de Comunicación que “axude a afondar na análise e valoración da información”.

26 ene 2018 / 20:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito