Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{tribuna libre}

Centenario dunha magna epopea

    NON SON poucas as publicacións, e mesmo os filmes, verbo das fazañas da derradeira exploración da Idade Heroica, mais ningún dos libros ata o de agora editados agasallaba o lector con fermosas ilustracións. Ata que Editorial Impedimenta publicaba hai uns días unha verdadeira alfaia editorial: El viaje de Shackleton, escrito e ilustrado por William Grill. É a homenaxe que Impedimenta tributa á afouteza, forza de vontade e resistencia de Ernest Shackleton e dos seus homes no centenario do comezo da exploración do descoñecido. O texto do libro e as amavías das súas ilustracións recuperan a Expedición Imperial Transantártica, e de xeito ameno e sinxelo permiten que retornemos aos últimos tempos da Idade Heroica das exploracións.

    O explorador anglo-irlandés, que xa formara parte ou liderara outras expedicións, tras a conquista do Polo Sur por Admusen, concentrou os seus esforzos non gran desafío de atravesar o continente antártico de mar a mar, 2.900 quilómetros a través do xeo. E así foi: en agosto de 1914, Shackleton e as súas dúas tripulacións e setenta cans partiron a bordo de dous barcos: o Endurance, que levaría o equipo principal ata o mar de Weddell, e o Aurora que trasladaría o equipo de apoio ata o outro extremo da Antártida, o estreito de McMurdo (mar de Ross).

    O libro que vén de editar Impedimenta, rememora unha das odiseas de aventuras máis notorias e afamadas de todos os tempos. Cando en 1915 Shackleton e os vinte e sete tripulantes do Endurance se viron forzados a abandonar o barco nas xeadas augas antárticas, a desfeita semellaba irremediable. Non entanto, Shackleton iniciou unha loita épica para salvar os seus homes, á deriva na banquisa, contra as forzas da natureza. Sen dúbida a fazaña máis extraordinaria que rexistran os anais das expedicións polares.

    O libro que arestora nos permite ler e gorentar a editorial madrileña, ofrécelle o lectorado todos os preparativos e o desenvolvemento da expedición ata o rescate dos expedicionarios que quedaron na Illa Elefante. Unha loita titánica pola supervivencia que fixo esquecer o fracaso do proxecto inicial, xa que Shackleton conseguira levar a porto seguro a todos os tripulantes do Endurance e a case todos os do Aurora. Xa que logo, a edición deste libro é unha maneira loable de celebrar o centenario dunha inmensa proeza.

    Crítico literario

    20 sep 2014 / 17:36
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito