Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Centro de Ensinanzas Superiores de Música programa tres masterclass no Auditorio Municipal

Terán lugar no Auditorio Municipal, a primeira o próximo sábado, 19 de outubro // As inscricións nas actividades pode realizarse a través da páxina web www.csmgalicia.com

    O Centro de Ensinanzas Superiores de Música ten programadas para o que resta deste ano 2019 tres masterclass que se impartirán no Auditorio Municipal e son organizadas en colaboración do Concello de Valga.

    A primeira destas actividades terá lugar o próximo sábado, 19 de outubro, e trátase dunha clase maxistral de clarinete a cargo de Javier Morgade na que se traballará a posta en escena para recitais, exames e probas a través de clases de técnica e interpretación. Durante a xornada tamén se tratarán cuestións como a posición corporal ou a respiración.

    O prezo da matrícula é de 100 euros para alumnos activos e 30 para oíntes e as inscricións poden realizarse a través do enlace www.csmgalicia.com/master-class-de-javier-morgade-en-csm-galicia/ .

    Javier Morgade é solista da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra e da Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín, profesor de clarinete no Centro Superior de Música de Valga e membro fundador da agrupación Camerata Arven.

    Estudou clarinete e música de cámara nos conservatorios de Ourense, Madrid, Santiago e Vigo. Perfeccionou a súa técnica co mestre Vicente Alberola, co que segue traballando interpretación, música de cámara e repertorio. Foi director da banda Unión Musical de Meaño. Actualmente está inmerso no estudo do clarinete alemán, para complementar a súa formación.

    Piano Jazz o día 9 de decembro

    O 9 de decembro terá lugar outra das actividades, unha masterclass de piano jazz con Abe Rábade como mestre. Os participantes poderán achegarse ao vocabulario jazzístico no piano, nas súas dimensións rítmicas, harmónica e melódica, así como profundizar en todos os recursos que permiten improvisar con solvencia a un instrumentalista. Traballarase cunha selección de repertorio representativo do jazz: standards, temas be-hop e composicións de corte máis contemporáneo.

    As prazas están limitadas a 10 alumnos activos (o prezo da matrícula é de 85 euros) e 15 oíntes (30 euros). A inscrición debe realizarse premendo en www.csmgalicia.com/master-class-de-abe-rabade-en-csm-galicia/ .

    Abe Rábade é licenciado Cum Laude en Jazz Composition e Piano Performance polo Berklee College of Music de Boston (Estados Unidos). Dirixe un trío de jazz acústico dende 1996, é autor de máis de 200 composicións e forma parte do corpo docente da Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo de Porto (Portugal).

    Saxofón con Adrián Pais e Xabier Casal

    Para pechar o ano, os días 26 e 27 de decembro, Adrián Pais, profesor de Saxofón do Centro Superior de Música de Valga, e Xabier Casal ofrecerán unha clase maxistral de safoxón na que poden participar un máximo de 14 alumnos activos. O prezo da matrícula é de 80 euros e tamén se admiten oíntes por 30 euros. As inscricións poden realizarse a través do enlace www.csmgalicia.com/master-class-de-saxofon-en-csm-galicia/ .

    A actividade incluirá clases individuais cos dous mestres, clases colectivas, traballo de repertorio e traballo técnico aplicado ao repertorio.

    Adrián Pais finalizou os seus estudos superiores en Palma de Mallorca e despois trasladouse a Francia para continuar a súa formación no Conservatorio Rexional de Burdeos. Ten gañado máis dunha decena de premios, entre os que destacan o obtido no 38 Concurso de Música de Cámara Club Lyceum de Lausana (Suíza) ou o outorgado polo Instituto da Xuventude na categoría de Música Clásica do certame Creación Injuve 2012.

    Xabier Casal tamén ten no seu haber premios en concursos como o VIII Certame Nacional de Interpretación “Intercentros Melómano” ou no III Concurso Ramón Guzman. Foi solista da Real Filharmonía de Galicia, da Orquestra Sinfónica RTVE, a Sinfónica de Castela e León e a Xoven Orquestra e Coro da Comunidade de Madrid. É membro do cuarteto Fukio Quartet e colabora asiduamente como saxofonista convidado no Oh ton-ensemble de Oldenburg (Alemaña) e na Orchester Düsseldorfer Altstadt Herbst.

    17 oct 2019 / 01:12
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito