Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Centro de Linguas Modernas oferta este verán vinte e cinco cursos intensivos de dezaoito idiomas

O Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC, que este curso cumpre 40 anos de existencia, impartirá na segunda quincena de xullo vinte e cinco cursos de dezaoito idiomas diferentes. O vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López, e a directora do CLM, Katerina Vlasakova, presentaron este xoves a programación acompañados pola profesora de lingua de signos do CLM, Irene Rivas Veiras.

A oferta dos cursos, a desenvolver entre os días 13 e 24 de xullo, inclúe en Santiago os idiomas alemán, árabe, catalán, checo, chinés, eslovaco, euskera, francés, grego moderno, húngaro, inglés, italiano, neerlandés, polaco, portugués, ruso, xaponés e lingua de signos; e en Lugo os de alemán, francés, inglés, italiano, portugués e lingua de signos. Todos eles impártense no nivel de iniciación agás os de inglés e francés, para os que haberá grupos de nivel intermedio e para os que é preciso realizar unha proba de nivel que terá lugar o día 16 de xuño nos dous campus.

Tamén en Santiago terá lugar un curso intensivo de preparación para o exame de xaponés NOKEN e outro de inglés para fins académicos, titulado ‘English for Academical Purposes’.

Os cursos do CLM diríxense preferentemente ao alumnado da USC que marche cunha bolsa de mobilidade a algunha universidade estranxeira, pero calquera persoa maior de 16 anos pode cursalo –de feito, case a metade do alumnado destes cursos de verán non pertence á USC–. O obxectivo das clases é ofrecer aos alumnos técnicas e práctica de destrezas e estratexias de comunicación, así como contidos específicos e funcionais que lles sexan útiles na súa estadía no estranxeiro.

A matrícula pode facerse por internet na páxina do CLM www.usc.es/clm dende este xoves 30 para os cursos de iniciación e a partir do 19 de xuño para os cursos de nivel intermedio e avanzado. A USC mantén as mesmas taxas de matrícula que en anteriores edicións con dúas modalidades, unha xeral de 175 euros e reducida para membros da comunidade universitaria de 150 euros. O alumnado que cumpra os requisitos contará con certificados e créditos de libre configuración.

Actividades paralelas

A cada vez maior presenza dun turismo lingüístico estatal en Santiago motivou que o CLM engada á propia oferta de cursos unha serie de actividades paralelas que sirvan tamén como reforzo ao estudo do idioma. Así, a Facultade de Filosofía acollerá a

proxección de dous filmes dun ciclo de cine australiano que organiza o CGAC: o día 14 poderase ver ‘Gallipoli’ e o 21 ‘The year of living dangerously’.

30 abr 2015 / 14:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito