Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os centros singulares abren as portas para achegarse aos nenos

A USC organizou obradoiros de robótica e experimentos, entre outras actividades

A Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago (RCSI-USC) celebrou un ano máis unha edición de Ciencia Singular, a xornada de portas abertas dirixida á súa contorna social máis próxima. Un encontro concibido como o maior evento anual de divulgación promovido ata o de agora polos equipos de investigación de CiQUS, CiMUS e CiTIUS, e no que por primeira vez en 2019 estará tamén presente o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE).

O reitor da USC, Antonio López; a conselleira de Educación, Carmen Pomar; e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participaron das actividades, coas que se pretende achegar a investigación desenvolvidas ás familias e nenos.

Actividades como obradoiros de robótica, visitas a laboratorios, experimentos ou demostracións de química, física ou biomedicina entre outros fixeron as delicias da xente, nunha xornada na que Carmen Pomar recordou que a Xunta reforza a investigación universitaria galega para o vindeiro ano 2020 cunha dotación orzamentaria de 64 millóns, o que supón un incremento do 4,3% con respecto a este ano.

Esta partida específica forma parte dos arredor de 441 millóns en transferencias directas ao Sistema Universitario de Galicia para 2020, o maior importe previsto nos últimos anos xa que representa un crecemento do 18% con respecto a 2015, indica a consellería nunha nota de prensa.

Pomar incidiu no obxectivo de avanzar nunha estrutura de investigación universitaria máis sólida e competitiva no eido internacional, que repercuta nunha maior atracción de talento por parte das Universidades galegas. Precisamente unha das accións máis importantes é a reestruturación e reforzo dos Centros de Investigación para o cal a Consellería de Educación ten habilitado unha liña de axudas dotada con 20,5 millóns ata 2022.

16 nov 2019 / 23:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito