Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Cesga, 25 anos de ponte entre a investigación, a universidade e a industria

Feijóo salienta que desde 2013 se destinaron doce millóns de euros para impulsar a actividade dos nove centros tecnolóxicos

O Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (Cesga) cumpre un cuarto de século de vida exercendo de ponte entre a investigación, a universidade e a industria, e apoiando a industria e os organismos de investigación galegos nos desafíos tecnolóxicos que deben afrontar.

Neste sentido, e nun acto de conmemoración deses 25 anos celebrado onte, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, remarcou o traballo da Xunta por situar os centros tecnolóxicos galegos nese papel de ponte, subliñando que, con este fin, desde o ano 2013, se destinaron doce millóns de euros para impulsar a actividade dos nove centros tecnolóxicos da comunidade.

Na súa intervención, Feijóo incidiu na importancia de que as empresas aposten por innovar e de que os centros tecnolóxicos galegos estean aí, para actuar como interface entre a investigación e a empresa.

"A industria galega xa entende que os centros tecnolóxicos e as empresas son dous aliados que se necesitan entre si, para seguir avanzando en modelos de fabricación e de produción máis innovadores e competitivos", explicou o titular da Xunta de Galicia resaltando ademais que, logo de cinco edicións convocadas, son 39 as unidades mixtas que se constituíron na industria galega, apoiadas por 28 multinacionais líderes e cunha mobilización de capital dun total de 114 millóns de euros.

"No Cesga temos a proba palpable de que en Galicia a ciencia, a tecnoloxía e a innovación; é dicir, todos os axentes do ecosistema galego de I+D+i, traballan na mesma dirección", aseverou o presidente, avogando ademais por consolidar este esforzo conxunto e conseguir que se traduza nun sistema máis competitivo e con maior capacidade de innovación en Galicia.

Sobre este punto, salientou que na segunda década deste século o Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (dirixido dende 1998 por Javier García Tobío e agora por Mauro Fernández) desempeñará un papel indispensable, xa que a supercomputación, a informática de altas prestacións, é a gran ferramenta desta era dixital.

Non en van, está detrás da industria conectada, da industria 4.0, e de todos os avances que comporta , da predición meteorolóxica, da previsión diaria do estado do mar ou da secuenciación xenética.

Todas elas, áreas de traballo nas cales o Cesga colabora con MeteoGalicia, con Portos do Estado, co Programa Europeo de Observación Terrestre Copernicus, coa Fundación Pública Galega da Medicina Xenómica, ou co Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA).

Con este fin, avanzou que en 2019 se iniciarán os traballos para a licitación dun novo ordenador "que adquiriremos entre o CSIC e a Xunta para que estea en funcionamento en 2020, co obxectivo de que o Cesga siga na elite dos centros de supercomputación".

Así mesmo, lembrou que se en 1993 internet empezaba a abrirse paso timidamente en España e xa era posible enviar os primeiros mensaxes de texto (SMS), agora, un cuarto de século despois, Galicia quere ser territorio preferente para pilotar as primeiras solucións baseadas en tecnoloxías 5G; máis do 97 % dos fogares galegos con nenos e estudantes dispoñen de internet, e o Cesga conta cunha plataforma, o Finis Terrae II, que multiplica por 4.000 a memoria RAM dun ordenador medio.

douscentos proxectos de i+D+i

•••Feijóo resaltou que o Cesga leva participado en máis de 200 proxectos de I+D+i que mobilizaron máis de 550 millóns de euros; presta o seu servizo a máis de 700 usuarios, entre empresas, grupos de investigación ou particulares; colabora con 48 departamentos de investigación das tres universidades galegas, 33 do CSIC e presta servizo á práctica totalidade dos centros tecnolóxicos de Galicia; e só o pasado ano participou en 57 proxectos con 80 empresas galegas, por un importe de tres millóns. A presidenta do CSIC, Rosa Menéndez, incidiu en que "a Xunta e o CSIC fixeron u­nha aposta de futuro. Mantivémola e confirmámola no novo plan de ICT, cuxo mapa se ratificou, e no que o Cesga participa na Rede Española de Supercomputación".

300

Profesionais forman parte do Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia, dos que Feijóo destaocu onte o seu compromiso, e garantiu que seguirán traballando para que siga consolidándose como soporte da I+D+i que en Galicia desenvolven as universidades, os centros tecnolóxicos, os departamentos de investigación do CSIC ou as empresas.

20 nov 2018 / 22:55
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito