Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 06 diciembre 2021
07:48
h

O CGAC rinde homenaxe a Man de Camelle cunha mostra da súa obra

A exposición está composta por unha selección de 606 fotografías, debuxos e escritos, ademáis dunha réplica a escala real da casa museo deste autor

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle desde onte e ata o vindeiro 30 de agosto a mostra Museo (do ermitán) Man que recolle a creación artística de Manfred Gnädinger, máis coñecido como Man de Camelle.

É unha exposición que foi visitada polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e comisariada por Andrea Serodiona, na que se lle rende homenaxe a este artista e na que se recolle a esencia da súa creación entre os anos 1969 e 1978.

A mostra inaugurada no CGAC está composta por unha selección de 606 fotografías, debuxos e escritos integrados no denominado Museum vom Einsiedler Man. Camelle (A Coruña). Moitas destas imaxes foron retocadas polo autor modificando as súas medidas orixinais, pintando directamente sobre as mesmas, engadindo comentarios e perfilando as siluetas das figuras captadas. Tamén se expoñen documentos escritos con explicacións sobre a súa visión da arte ou debuxos realizados en papel por algúns visitantes do seu xardín, así como anotacións en alemán, aforismos, comentarios filosóficos ou reflexións sobre a súa propia obra a modo de manifestos.

Complementariamente, no exterior haberá unha réplica a escala real da casa museo, realizada polos arquitectos Creus e Carrasco, responsables tamén da restauración da propia casa museo de Man en Camelle, e por un documental inédito sobre a súa vida rodado por Joan Mallarach na década dos 80. Trátase dunha peza que non foi rematada, que se perdeu no tempo e que agora, 39 anos despois, verá a luz grazas a esta exposición.

Man de Camelle (Radolfzell, 1936-Camariñas, 2002) foi un creador polivalente que desenvolveu o conxunto do seu labor en Camelle (Camariñas) a onde chegou na década dos 60 e estivo totalmente apartado do sistema artística. Ao longo da súa vida foi presentado polos medios de comunicación como unha persoa extravagante, o que non permitiu ver máis aló e recoñecer a súa verdadeira dimensión artística. En decembro do ano 2002 faleceu despois de que a súa obra se vira afectada polo Prestige.

Anos despois, ao acceder ao interior da súa casa para recuperar os seus bens, púidose comprobar a verdadeira magnitude creativa deste artista que atopou na Costa Morte un lugar onde crear o seu arte.

06 mar 2020 / 21:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito