Chega a España a marca textil Free Gliss da man dunha empresa da vila camariñá
Camariñas. Avante Toda Textil, unha empresa de Camariñas dirixida por Martín Castiñeira e José Manuel Olveira, traerá a España a liña de roupa deportiva e náutica da marca Free Gliss, logo do acordo acadado coa devandita firma para distribuir os seus deseños no ámbito nacional.
O acordo fraguouse na pasada Feira Náutica de Camariñas co deseñador de Free Gliss, Jorge Galeiro. A marca foi, segundo os responsables de Avante, "toda unha sensación pola calidade das prendas, deseños e prezos competitivos, e polo éxito de vendas".
A firma camariñá contactará agora cos puntos de venda máis axeitados para a presentación da marca, "buscando sempre que exista un só establecemento por pobo ou cidade, co fin de garantir a exclusividade da mesma", e será Camariñas a primeira vila na que se comercialice.
Free Gliss colabora activamente coa asociación The Sea Cleaneres, que loita contra a contaminación do mar desenvolvendo o programa Manta, ao que lle darán visibilidade tamén dende Avante Toda Textil.