Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
internet

Cinco novos escritores inclúense no portal web da literatura galega en inglés

Trátase de Xabier P. DoCampo, Pedro Feijoo, Inma López Silva, Manuel Lourenzo González e María Reimóndez

O portal web da literatura galega en inglés amplíase con cinco novos escritores e escritoras, a través de fragmentos traducidos das súas obras máis representativas, que se complementan con información biográfica e a sinopse do libro, informou a Consellería de Cultura nun comunicado.

Co obxectivo de seguir promovendo a proxección internacional das letras galegas a través da rede, o Portico of Galician Literature (www.galicianliterature.com) incorpora unha mostra en inglés de obras de Xabier P. DoCampo, de Pedro Feijoo, de Inma López Silva, de Manuel Lourenzo González e de María Reimóndez. Cada escritor e escritora conta cunha foto e biografía en inglés, xunto cunha sinopse das obras O libro das viaxes imaxinarias, Os fillos do mar, Memoria de cidades sen luz, Atl e Pirata, e a tradución de 40 páxinas de cada un destes libros.

En 2014, tamén integrou fragmentos de obras traducidas ao inglés de Diego Ameixeiras, Rosa Aneiros, Elena Gallego Abad, Xavier Queipo e Anxos Sumai, mentres que en 2013 se ampliou o catálogo con extractos textuais de Suso de Toro, Xavier Alcalá, Teresa Moure e Antón Riveiro. Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Miguel-Anxo Murado, Anxo Rei Ballesteros e Manuel Rivas completan a relación de autores deste portal das letras galegas en inglés, que suma xa 20 nomes representativos da literatura galega actual.

Ademais da información sobre os escritores, das sinopses e da tradución dalgúns fragmentos, o portal serve de escaparate para a difusión de títulos da literatura galega en inglés, entre eles Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro; A lingua das bolboretas e O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas; Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, e Bestiario dos descontentos, de Miguel Anxo Murado.

O portal web, que ofrece un breve percorrido pola historia de Galicia e da súa literatura, foi posto en marcha no 2012. O obxectivo da iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Cultura é converterse nun referente da literatura galega para o ámbito anglófono, e para a proxección internacional das letras galegas.

Para apoiar a internacionalización do libro e da literatura galega, a Consellería de Cultura tamén promove a colección en inglés Galician Classics, editada xunto con Small Station Press, na que viron a luz obras de referencia da literatura galega como Galician Songs, a primeira tradución completa ao inglés do poemario de Rosalía de Castro Cantares gallegos; Herba aquí ou acolá, de Álvaro Cunqueiro; Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro; unha escolma poética de Lois Pereiro e o poemario Nimbos, de Xosé María Díaz Castro.

02 ene 2016 / 20:52
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito