Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cobra forza o gran bosque animado galego

Cambados e Mugardos no Catálogo de Árbores Senlleiras: castiñeiros, freixos e carballos

A maxia daquel bosque animado de Wenceslao Fernández Flores percorre o corazón galego. Desde as Fragas do Eume ata o Parque Natural do Xurés, as catro provincias respiran en verde. O Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, que depende da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, conta con 190 elementos (151 exemplares e 39 formacións arbóreas) pertencentes a 80 especies diferentes. E pronto poderían oficializarse dúas novas incorporacións: unha formación multiespecífica de castiñeiros e carballos en Franza (Mugardos, A Coruña) e un exemplar do fraxinus angustifolia (freixo de folla estreita) de Cambados (Pontevedra).

De momento, a Consellería de Medio Ambiente somete a información pública a súa inclusión. E o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba onte ese anuncio. A incorporación do caso de Mugardos foi solicitada por César Martínez Yáñez con rexistro de entrada do 19 de novembro, e a de Cambados por Ánxela Gil de la Peña o 29 de novembro. O trámite dura 20 días.

O exemplar do freixo de folla estreita de Cambados atópase nas proximidades do Pazo de Fefiñáns. E as súas dimensións son de 21,1 metros de altura e 3,5 de perímetro. No caso da formación multiespecífica de Franza Camos (Mugardos), está formada nun 65% por castiñeiros e nun 35% por carballos. A densidade aproximada é de 230 pés por hectárea, preto dunha vivenda. Os castiñeiros contan cun perímetro medio de 100 centímetros e os carballos con 190.

O Catálogo de Árbores Senlleiras recoñece as características singulares dos 190 membros. Entre eles aparecen desde a Perona (abeto do Cáucaso) do Paseo da Ferradura en Santiago de Compostela, ata a camelia reticulada do Pazo de Oca ( A Estrada), o Avó do Eucaliptal de Chavín en Viveiro, ou a Laranxeira Obscena do Pazo de Brandariz (Ortigueira). Para avaliar o carácter monumental dos exemplares propostos, téñense en conta criterios dendrométricos (grosor, altura), biolóxicos e ecolóxicos, estéticos, históricos e tradicionais, e de situación (paisaxe sobresaínte ou espazo non habitual).

A catalogación implica que os seus membros quedan protexidos a todos os efectos, coa prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente á súa integridade, saúde e aparencia. Segundo súa páxina web, "estes exemplares serán posuidores dunha protección legal que tamén afectará ao seu ámbito inmediato, e os propietarios, en caso de habelos, terán axuda oficial para coidalos".

A Consellería de Medio Ambiente, sinala o carácter aberto da ferramenta, "tal e como poñen de manifesto estas novas solicitudes". Desde hoxe, os interesados poden presentar a documentación, observacións ou alegacións oportunas. O obxectivo é garantir a súa protección e conservación, ao entender que pola súa propia singularidade, "merecen ser preservados e inventariados".

Os que queiran consultar esta información dos expedentes poden usar as dependencias da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en San Lázaro (Santiago de Compostela) e na Xefatura Territorial de Medio Ambiente en Pontevedra. E máis asequible é entrar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Recorda a Xunta de Galicia que este Catálogo de Árbores Senlleiras é "un rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións merecentes de protección especial en atención ás características excepcionais".

reparto por provincias Os 190 elementos de 80 especies diferentes metidos no catálogo teñen a seguinte distribución por provincias: A Coruña 57 elementos (44 árbores e 13 formacións), Lugo 41 participantes (35 árbores e seis formacións), Ourense 29 (22 e sete), e Pontevedra a que incorpora máis elementos con 63 (50 árbores e 13 formacións).

Ao tratarse dunha ferramenta aberta e en constante actualización, os cidadáns poden propoñer a inclusión de elementos novos. Teñen que ser os seus propietarios, as administracións públicas, os centros de investigación ou asociacións "e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza". O catálogo aprobou o seu regulamento no ano 2007. E desde entón foi obxecto de diversas revisións.

26 dic 2019 / 22:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito