Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O CODI pon en funcionamento o novo forno de cerámica instalado cunha subvención de AGADER

O sábado coceuse a primeira fornada de pezas, logo dun período de formación // A instalación funciona a gas, contrólase a través de WIFI e pode alcanzar os 1.300 graos

O novo forno de cerámica instalado no CODI púxose esta fin de semana en funcionamento coa cocción da primeira fornada de pezas, entre as que había distintos tipos de recipientes e obxectos decorativos.

A instalación deste forno, que funciona a gas, executouse cunha subvención de 30.687’55 euros da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), concedida a través do GDR Salnés Ulla-Umia. A axuda permitiu financiar o 75’60% da actuación, valorada en 40.592 euros e que incluíu a construción e acondicionamento dun local anexo ao CODI no que se instalou o forno.

Este proxecto ten como obxectivo ampliar a oferta de actividades do centro para persoas con discapadidade para seguir mellorando a calidade de vida dos seus usuarios, contribuír a incrementar as súas capacidades e nivel educativo e, en definitiva, favorecer a integración das persoas con diversidade funcional. Neste sentido, poñerase en marcha proximamente un obradoiro de cerámica no que participarán semanalmente os usuarios e que correrá a cargo de Ángeles Garrido, que xa imparte actualmente no CODI os talleres de manualidades e pintura.

Ademais, con este forno, poderanse deseñar produtos de artesanía local que o Concello poida incluso entregar como premios ou agasallos en determinados eventos.

Con anterioridade á entrada en funcionamento do forno, un técnico desprazouse ao CODI para impartir varias sesións formativas ao persoal. A instalación está completamente informatizada, contrólase mediante WIFI e pode acadar os 1.300 graos de temperatura. A primeira fornada, con pezas modeladas con barro con 40% de chamota e nalgúns casos barro fino, coceu durante oito horas continuadas chegando ata os 950 graos.

24 oct 2019 / 23:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito