Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 04 junio 2020
19:31
h

COLEXIOS DE VALGA, VILAGARCÍA, PONTEVEDRA E MUROS, E COLECTIVOS DE GALICIA, ASTURIAS E LEÓN VISITARON ESTA SEMANA O BELÉN ARTESANAL

Para a próxima semana xa hai fixadas outras trece visitas fóra do horario habitual de apertura // Os grupos poden solicitar cita chamando aos números de teléfono 986 55 94 56 ou 630 95 25 15

Centros educativos, centros de día e asociacións de distintas localidades galegas visitaron esta semana o Belén Artesanal en Movemento, que ademais recibiu excursións de León e Asturias, entre outras procedencias. Rexistráronse en total unha decena de visitas concertadas fóra do horario habitual de apertura do nacemento, que esta fin de semana volverá a vivir unhas xornadas multitudinarias. Para mañá sábado e para o domingo está prevista a chegada de numerosos autobuses con excursionistas.

As visitas de centros de ensinanza inaugurounas o IES As Ínsuas, de Muros, que desprazou a Campaña a 25 alumnos das asignaturas de Relixión e Valores de 1º da ESO. Tamén pasaron polo Belén os rapaces do Centro Rural Agrupado (CRA) de Valga, en total sesenta nenos de 3 a 5 anos das escolas de Campaña, Xanza, Forno, Vilarello, Chenlo e Ferreirós. Dende Vilagarcía chegaron ao nacemento 50 estudantes de Primaria do colexio de Faxilde e, esta mesma mañá, 26 alumnos e 5 profesoras do CPR Salvador Moreno, de Pontevedra.

Tamén nestes días recalaron en Campaña os usuarios de dous centros de día: o de Boiro, cunha expedición formada por 15 persoas, e o de Novoboandanza (A Coruña), dende donde chegaron 18 visitantes. As asociacións de amas de casa foron outras das que concertaron cita para estas xornadas, con 42 visitantes de Pontedeume e 87 de Valdoviño.

Ademais, visitaron o Belén unha ducia de usuarios da Aula CeMIT, veciños de Valga e Pontecesures, e varios grupos de excursionistas, coma un chegado o martes dende León e outro dende Asturias integrado por 42 persoas de Oviedo, Xixón e Avilés.

Ademais destas citas concertadas, o Belén Artesanal continúa recibindo moitísimas outras visitas no seu horario habitual de apertura. As cifras están a ser, como é habitual, elevadísimas e, de feito, durante a primeira semana foron máis de once mil as persoas que acudiron a velo.

O nacemento permanecerá aberto ao público de xeito gratuíto ata o 12 de xaneiro. Entre semana de 17:30 a 20:30 horas, os sábados de 17 a 20:30 e os domingos e festivos de 12 a 14 horas pola mañá e de 17 a 20:30 pola tarde. Os colexios, asociacións e outros grupos poden concertar as visitas fóra deste horario a través do número de teléfono 630 95 25 15.

14 dic 2019 / 00:25
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito